Aerocamaras lanza AeroCovid, un sistema que asegura o distanciamento nas praias

martes, 9 de xuño do 2020 S. P.

Co comezo deste mes de xuño, a empresa ourensá Aerocamaras e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) levaron ao seu remate o desenvolvemento conxunto dun sistema de vixilancia baseado en Intelixencia Artificial (IA) que permite controlar o aforamento nas praias: AeroCovid. Trátase dunha tecnoloxía avanzada moi acaída para unha volta á normalidade que coincide co inicio da tempada de verán e que obriga, malia a relaxación dalgunhas restricións, a non baixar a garda en materia de seguridade sanitaria, sobre todo alí onde se adoitan xuntar grandes cantidades de xente, por exemplo en determinados areais urbanos.
A tecnoloxía de ITG e Aerocamaras intégrase en drons de última xeración e ten a gran vantaxe de informarnos en tempo real sobre o número de persoas que se atopan nun espazo público concreto, así como a distancia que hai entre elas.
Concibido para axudar aos concellos e ás forzas de seguridade locais, AeroCovid realiza automaticamente o cálculo e a medición das persoas en relación a un espazo determinado. A través do seu algoritmo baseado en IA ten capacidade para obter resultados cunha exactitude superior ao 90%, informaron Aerocamaras e o ITG, engadindo que o sistema permite capturar audiovisuais en tempo real pero, tamén, é quen de garantir a privacidade das persoas, “xa que as imaxes dos individuos concretos desdebúxanse unha vez procesada a información”, co que se asegura o o anonimato de quen estea no espazo público avaliado.
Sistema de seguridade pechado
Segundo apuntan as empresas, outra das vantaxes de AeroCovid é que funciona cun sistema de alta seguridade pechado, que evita os riscos relativos á privacidade e a confidencialidade: “Os datos obtidos polo dron procésanse a través do sistema que os pon a disposición do cliente (policía local ou concello) mediante un panel online que pode incluír, ademais, a recepción doutros datos externos, como a temperatura ambiente, a temperatura do mar, ou o aforamento máximo permitido nunha praia ou nun espazo determinado”.

PUBLICIDADE