Adxudicado en Santiago o contrato para a posta en marcha da Oficina de Transformación Dixital

martes, 11 de abril do 2023 S. P.

A xunta de Goberno local de Santiago adxudicou o contrato que ten por obxecto a prestación do Servizo de oficina de transformación dixital á empresa Indra Soluciones Tecnológicas. Fíxoo por un importe (IVE engadido) de 501.735,80 euros, e un prazo de dous anos. O obxectivo é “dar un novo impulso ao reto de transformación dixital que se está levando a cabo no Concello de Santiago de Compostela dende hai un ano”, sinalaron fontes da Administración local.
O Concello engade que o proxecto é a continuidade do proceso xa rematado de implantación das ferramentas necesarias para a tramitación dixital da maioría dos expedientes que se xestionan a diario. Trátase, pois, de “asentar o traballo realizado, racionalizalo e tamén impulsalo para conseguir unha administración 100% dixital”.
Nese sentido, a Oficina de Transformación Dixital ten por obxectivo fundamental “garantir o éxito no proceso de aplicación da Administración Electrónica, impulsala e achegar a administración á veciñanza en termos dixitais en loita continua fronte á fenda dixital”.
A nivel regulamentario, coa posta en marcha desta Oficina preténdese tamén dar cumprimento ás esixencias derivadas da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento administrativo común das administracións públicas; da la Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime xurídico do sector público; e a toda lexislación vixente en materia de eAdministración. “Para esta tarefa”, explicou o Concello, “requírese de persoal con coñecementos específicos e ampla dedicación ao proceso de transformación dixital; por iso a contratación desta Oficina de Transformación Dixital vén dar cobertura a esta necesidade, coa dotación de persoal dedicado e con coñecementos e experiencia en todos os aspectos que forman parte do mundo dixital (tecnolóxico, xurídico, administrativo e organizativo)”.
Outro dos obxectivos deste servizo é “a realización das tarefas necesarias para avanzar na implantación da eAdministración do Concello, constituíndo o fin principal a integración dixital de todos os procedementos administrativos e así dar resposta á crecente demanda de servizos electrónicos e ás obrigas establecidas pola normativa vixente”.
Outra faceta é a orientación de cara á veciñanza, co obxecto de “acompañala e habituala nos procedementos dixitais, vencendo as reticencias e facendo máis doada a súa relación co Concello de Santiago de Compostela”.

PUBLICIDADE