Adxudicada a adquisición do equipamento do estudo audiovisual virtual da Cidade das TIC (por 6,1 millóns)

luns, 21 de agosto do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña adxudicou por valor de 6.115.592 euros o equipamento do estudo audiovisual virtual da Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas da Coruña), co-financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea- Next Generation EU. A empresa adxudicataria resultou ser a división audiovisual de Telefónica (Telefónica Servicios Audiovisuales), que se encargará da parte de enxeñaría, dos sistemas de pantallas LED, iluminación, cámara e ópticas, tracking, escenografía virtual e xestión de media, das salas VFX e realizar a posprodución de audio, ademais da instalación, da formación, do mantemento e do soporte técnico.
Segundo explicou a Deputación o sistema de pantallas LED incorporará unha pantalla semicircular cun mínimo de 28 metros de longo e 6 metros de alto e resolución mínima de 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, “coa que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade”. Este sistema de pantallas, engade a institución provincial que preside Valentín González, “permitirá recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual, emprazándose nun gran plató de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio”.
O escenario incorporará a maiores un sistema de iluminación xeral e de reforzo, sistemas de cámaras e ópticas cos seus soportes e accesorios, sistema de tracking, sistema de escenografía virtual, xestión de media, infraestrutura de vídeo e rede de datos. Tamén se inclúe o sistema eléctrico e a dotación tecnolóxica das salas VFX e de posprodución, conseguindo que o equipamento funcione de forma integrada.
A Deputación aclara que “a combinación dos sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED posibilitarán aos produtores de cine e televisión a creación de contornas virtuais altamente detalladas e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de Realidade Aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real”. A entidade provincial tamén salienta que esta instalación innovadora permitirá “asumir un amplo rango de producións cinematográficas ou de series, así como producións broadcast e publicitarias”. Tamén se poderán crear, xestionar e transmitir eventos virtuais en diversos campos como entretemento, educación ou capacitación corporativa, entre outros.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "con este estudo audiovisual virtual sitúase á provincia da Coruña na vangarda internacional, mellorando a competitividade das empresas galegas do sector, e poñendo a Galicia como localización estratéxica de producións de cine, televisión ou videoxogos".
Ademais do equipamento, a Deputación xa completou a redacción do proxecto de construción do edificio que albergará o CEI nun edificio de nova construción localizado na Cidade das TIC da Coruña, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros resérvanse para albergar o plató virtual.

PUBLICIDADE