Advirten dunha caída xeral no gasto TIC para o vindeiro ano

luns, 31 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Se atendemos a estudos como o que vén de presentar a consultora Setesca, o ano que vén non vai seguir a tónica deste que vivimos, ou dos precedentes, en materia de medre en investimento TIC por parte das empresas. As prediccións de Setesca, ás que probablemente haxa que coller como se collen as do tempo a medio e longo prazo (con pinzas), non sitúan un panorama moi alentador para o sector do desenvolvemento de software empresarial e de servizos TIC e de telecomunicacións. De feito, sinálase nel que os orzamentos dirixidos a adquirirlles produtos e servizos a estas empresas, dende outras empresas, reduciranse até nun 3,5% de media. O informe, feito a partir dunha serie de enquisas a responsábeis dos departamentos TI de diferentes compañías, aínda é máis preocupante no que atinxe ao investimento en novas ferramentas e servizo por parte das entidades públicas, xa que estariamos a falar dunha redución de arredor do 13%.
Por outra banda, e como un certo tipo de contrapartida, ponse de manifesto que a caída no gasto TIC sería menor, con independencia do sector do que esteamos a falar, entre aquelas empresas que conseguiran baixar ao máximo os seus investimentos fixos en infraestrutura. Como resultado, teñen máis marxe de manobra para dedicar unha boa parte do seu orzamento á posta en marcha de iniciativas que revaloricen a actividade, entre as que se contan, por dereito propio, as iniciativas tecnonóxico-dixitais.

PUBLICIDADE