Advirten de novos e ambiciosos ataques de EE UU e a Unión Europea contra a neutralidade da Rede

venres, 31 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

Por se fosen poucos os problemas que hai no mundo, agora resulta que Internet volve estar en perigo. Así nolo contan hoxe os activistas da plataforma Avaaz.org, que sinalan que coa Rede pode pasar o mesmo que coa riqueza: que cada vez haberá máis cantidade destas cousas (de Internet e de cartos) en mans de menos persoas e entidades. Para a plataforma a cousa está clara: hai riscos de que o 1% da poboación máis rica do planeta controle a partir de agora e para sempre todo o que cada un de nós ve por Internet. A situación, en certa maneira, víase vir. Hai moita xente con poder que ve na Internet o peor dos pesadelos para os seus intereses: os internautas ollan cara eles co lupa e mesmo teñen o atrevemento de facer fronte común en contra dos seus abusos.
Segundo informa Avaaz, Estados Unidos e a Unión Europea están a piques de permitir que as corporacións máis ricas ofrezan os seus contidos máis rápido mentres impoñen barreiras ou retardan os de todos aqueles que non poidan pagar por obter as dicir vantaxes. “Isto”, explícase, “faría perigar cousas como a capacidade de Avaaz de difundir imaxes gravadas por xornalistas cidadáns desde Siria ou de lanzar campañas para salvar o noso planeta”.
Ante estas pretensións do poder, lembra a plataforma, xa hai xente que está a pechar fileiras para facerlle fronte en ámbalas beiras do Atlántico: pioneiros da tecnoloxía, defensores da liberdade de expresión, e algunhas das máis destacadas compañías web. Moitos deles xuntan forzas precisamente en Avaaz, a través dunha campaña específica xa posta en marcha e aberta á achega de sinaturas. Os expertos cualifican a ofensiva que denuncian os ciberactivistas como un claro ataque á neutralidade da Rede. Até o de agora, lembran, esta neutralidade estaba protexida por lei en Estados Unidos, “pero un tribunal vén de botar a lexislación abaixo, cousa que tamén pretende facer o Parlamento Europeo, que ameaza con aprobar un novo regulamento daría aos provedores de servizos de Internet (ou ISPs) o dereito a repartirse a Rede e controlar o que vemos, retardando as páxinas ou facéndonos pagar por acceder a sitios web”.

PUBLICIDADE