Advirten da achega de virus informáticos para o día de San Valentín

luns, 11 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Bombóns, flores, xoias, libros, abrigos de pel, móbiles... os petos dos namorados non teñen fondo para gastar cartos nun día tan sinalado no calendario do consumismo como é o de San Valentín, o 14 de febreiro.
Con todo, mentres uns se preparan para a chea de corazóns e algodóns de azucre máis grande do ano, outros ven nesa data o día perfecto para enviar virus informáticos a través do correo electrónico (e non precisamente como agasallo para as súas parellas).
O máis avanzado e coñecido verme tecnolóxico coñecido ata o momento é o denominado Storm, que se propaga camuflado de sedutores correos electrónicos ofrecendo amor incondicional.
Dende que se deu a coñecer en xaneiro do pasado ano, Storm xa infectou a millóns de ordenadores atraendo ós internautas con correos lixo nos que se anunciaban novas tan pouco románticas como “a morte de 230 persoas en Europa” ou “a morte do presidente dos EEUU, George Bush” (que non era agradable, aínda que lles aledara un intre das súas vidas a millóns de Iraquís). Cando o usuario premía na ligazón para saber máis da nova, era enviado a un enderezo dende a que os hackers podían acceder ó ordenador do afectado.
Este ano, segundo sinala o analista de McAfee Greg Day, xa están a circular pola Rede dende hai algunhas semanas mensaxes de San Valentín nas que aparece a imaxe dun gran corazón e que tratan de instalar un troiano no sistema para mandar spam ó resto de contactos do usuario afectado.
As autoridades chinesas, preocupadas pola chegada masiva deste tipo de virus informáticos veñen de alertar aos internautas que teñan “especial coidado con aquelas mensaxes que teñan arquivos adxuntos en español”.
Tamén é mala pata que para algo que exportan os hispano falantes a China (ademais do flamenco) sexa un troiano que para o único que serve é para infectar dispositivos de orientais namorados.

PUBLICIDADE