Adiantan numerosas novidades que achegará Windows Phone 8

mércores, 20 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Os móbiles con Windows Phone 8 darán un importante paso adiante con respecto dos terminais actuais co sistema operativo móbil de Microsoft

Esta tarde Microsoft realizou unha longa presentación dirixida a desenvolvedores na que detallaron numerosas prestacións e novidades que incorporará o seu novo sistema operativo móbil, o Windows Phone 8, que supón a maduración desta plataforma ao incorporar numerosas capacidades e presumindo de compartir as mesmas tecnoloxías que figuran no xermolo de Windows 8, o que abre a porta a múltiples posibilidades.
Entre as novidades que incorporará Windows Phone 8 están o soporte de procesadores de varios núcleos, de pantalla máis grandes e de maior resolución (aceptará tamén pantallas de 1.280 x 768 e 1.280 x 720 píxeles, ou sexa, de alta definición), de tarxetas de memoria microSD para ampliar o seu almacenamento interno e de tecnoloxía NFC para compartir contactos, documentos e fotografías sen fíos; a incorporación do navegador web Internet Explorer 10 (máis rápido e seguro), a integración do sistema de pagamento Wallet (que poderá servir para gardar tarxetas de crédito, cupóns, tarxetas de embarque... e incluso podería autorizar pagamentos a través da nosa compañía de telefonía móbil de contarmos con tarxetas SIM seguras) e o uso dun sistema de mapas e navegación mellorado grazas á colaboración de Microsoft con Nokia.
Tamén resulta evidente que os novos tamaños de pantalla facilitan, entre outras cousa, gozar dunha pantalla de inicio moito máis completa, na que poder colocar numerosos recadros vivos que poderemos definir con moita máis liberdade que en Windows Phone 7, facendo o uso do móbil unha experiencia moi persoal, como podemos ver no seguinte vídeo:


Pero Windows Phone 8 tamén supón unha mala nova para os usuarios dun terminal con Windows Phone 7.5, que non poderán actualizarse e, para compensalos, dende Microsoft aseguran que poderán actualizarse a Windows Phone 7.8, nova versión do seu sistema operativo móbil que incorporará a nova pantalla de inicio de Windows Phone 8. A xustificación de que os móbiles actuais non poda acceder á nova plataforma de software é que supón un cambio de xeración tecnolóxica, de xeito que o vello hardware carecería de potencia para correr as novas prestacións.

Posibilidades de desenvolvemento

De cara aos desenvolvedores tamén estamos ante unha plataforma moi atractiva, que permite programar aplicacións de xeito nativo empregando C e C++, soportando tamén varias middleware para videoxogos como Havok Vision Engine, Autodesk Scaleform, Audiokinetic Wwise e Firelight FMOD, así como desenvolver xogos directamente en DirectX. Tamén aceptará pagamentos integrados en aplicacións, permitirá que as aplicacións de VoIP funcionen como se do propio teléfono se tratase, e tamén mellora a multi-tarefa.

Uso profesional

De cara ás empresas o Windows Phone 8 tamén incorporará numerosas novidades, entre as que destacan a posibilidade de empregar encriptación no dispositivo (para manter protexidos os documentos almacenados no mesmo), maior seguridade (fai uso de UEFI e illa as aplicacións con varias capas de seguridade que pretenden evitar o malware), permite a súa administración remota (de xeito que os responsables de tecnoloxía da empresa poden xestionar as aplicacións e os terminais dos traballadores de xeito remoto como xa facían cos ordenadores en rede dentro da empresa) e permitirá que as empresas poidan crear un Windows Phone 8 Hub de seu, para que os traballadores teñan dispoñibles aplicacións personalizadas e outras información importante para os seus negocios.

Os móbiles con Windows Phone 7.5 non poderán actualizarse a Windows Phone 8

Internacionalización e actualizacións

Durante a presentación de hoxe quixeron destacar non só que Windows Phone 8 soporte un total de 50 linguas de 180 países, senón que en vez de limitarse a traducir o seu sistema operativo, fixeron unha completa localización, adaptándose mellor ao usuario final. Tamén se comprometeron a que os novos terminais teñen garantidas as actualizacións de software durante 18 meses dende o seu lanzamento e incluso establecerán un programa para que os entusiastas poidan descargar as actualizacións antes do seu lanzamento oficial.

PUBLICIDADE