Adebate.net fai un chamamento aos internautas para participar nos procesos electorais pola vía da Rede

mércores, 10 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Agora que practicamente estamos en precampaña electoral para os comicios autonómicos e tamén estatais (non de maneira oficial con mitins e bandeiriñas, pero si con certas iniciativas dos grupos políticos encamiñadas a relembrarnos que existen), propostas en liña como Adebate.net cobran especial importancia. En primeiro lugar porque non fai balbordo. En segundo lugar porque, malia estar en desenvolvemento, trátase dun novo xeito de participación política e, sobre todo cidadá, tirándolle partido ás posibilidades do movemento 2.0, o de “faino ti mesmo na Rede”. Este servizo cen por cen galego, do que xa falamos hai uns meses en Código Cero, vén a ser como un espazo tradicional para o debate político, pero coas engadiduras da Rede participativa.
Amais, conta coa vantaxe de perpetuarse no tempo e de estar aberto a actualizacións constantes, a diferenza dos programas de televisión que se habilitan con semellantes fins e que logo fican no esquecemento. A idea, segundo informa Miguel A. Quinteiro de Intergal (responsable do espazo web), é axudarnos a lembrar o contido a importancia dos debates políticos. Con este fin, vén de facer un chamamento aos usuarios de Internet galegos e de alén de Galiza para achegar o seu gran de area a este proxecto, ben sexa incluíndo novas cuestións para os políticos (arestora hai 140) ben sexa enviando propostas.
Como dixemos, a web aínda está en desenvolvemento (admítense propostas e suxestións), pero o alicerce semella firme. Neste intre, a páxina web coa participación de máis de 100 usuarios, unha boa parte deles coa súa base de operacións en Galiza, aínda que tamén os hai de Euskadi, Madrid ou Navarra. Agora que o alicerce da proposta é firme, o obxectivo dos responsables da iniciativa é procurar meirande participación. De aí que o seu seguinte paso sexa animar á comunidade internauta galega e española a entrar de cheo nun debate que lles toca ben de preto e lles serve, a fin de contas, como ferramenta de primeira orde para avaliar a catadura dos políticos en campaña, que sen dúbida non perderían ren en aceptación (se cadra todo o contrario) se unha das súas medidas a seguir fose levar a cabo algo tan sinxelo e decisivo como contestar preguntas da cidadanía.

PUBLICIDADE