Adaptan o ChromiumOS para funcionar nun Dell Mini 10V

venres, 27 de novembro do 2009 Marcus Fernández

O lanzamento do código fonte de ChromiumOS, o sistema operativo en probas que dará lugar ao Google Chrome OS, levou a distintos usuarios a preparar versións do mesmo que funcionen en máquinas virtuais e incluso en memorias USB auto-arrancables, pero neste último caso o soporte de hardware é moi limitado, polo que poucos son os usuarios que poden tirar proveito de prestacións como a conectividade Wi-Fi do seu ultraportátil, o que limita moito esta plataforma de software, o que non pasa no caso dos Dell Mini 10V, pois veñen de publicar unha imaxe do ChromiumOS que inclúe o soporte da súa tarxeta Wi-Fi.
A imaxe adaptada para este equipo funciona dende memorias USB de 8 Gb coma mínimo, e permite achegar a futura experiencia de usuario do Chrome OS, cun arranque do sistema nuns 12 segundos e un escritorio baseado nun navegador web.
Hai que precisar que estamos a falar dun sistema en probas, moi lonxe de ser fiable, polo que a súa instalación recoméndase só para labores de desenvolvemento ou coma mera curiosidade.

PUBLICIDADE