Adamo leva Internet de alta velocidade a 10.500 fogares de Foz e patrocina ao club de fútbol local

venres, 9 de abril do 2021 S. P.

Beatriz Higueras, de Adamo, e Jose María García Rivera, presidente do Club Deportivo Foz

Adamo vén de facer balance dos seus traballos despregados no concello de Foz para dotar a fogares e empresas de Internet de alta velocidade. No seu reconto a operadora fai saber que, logo dos labores desenvolvidos recentemente nos núcleos de Fazouro, Nois, Cangas de Foz e Cordido, até 10.500 vivendas do termo municipal mariñán contan xa con conexión de última xeración. Adamo indica que con estas incorporacións queda cuberto o conxunto de localidades do concello fozense.

David Llano (Adamo) e Francisco Cajoto (alcalde de Foz)

Os traballos encádranse na ampla axenda de traballo de Adamo na provincia, onde está a fornecer (en concellos como Begonte, Cervo, A Fonsagrada, Barreiros ou a vila de Celeiro) o que en palabras da compañía “é a fibra óptica máis rápida que existe hoxe en día no mercado, de 1.000 Mbps”. En total, a tecnoloxía de Adamo está xa dispoñíbel para 50.000 domicilios e empresas da provincia.
Patrocinador do Club Deportivo Foz
Alén do despregue de fibra, a empresa apoia economicamente ao equipo de fútbol do municipio, ao que se atopan vencelladas máis de 300 familias e que milita na liga Preferente de Galicia. En virtude do acordo asinado co seu presidente, José María García Rivero, a compañía tamén ofrece aos futbolistas Internet gratis en casa durante 4 meses ao contratar paquetes cunha liña móbil de 23, 50 ou 80 GB (a oferta quedaría en 3 meses con 9 GB) e cheques agasallo de Amazon por importe de 25 euros.
Máis de 76.500 domicilios en Lugo
Adamo tamén deu a coñecer que instalará Internet de alta velocidade para dar servizo a 26.530 inmóbeis da provincia ao longo de 2021 e 2022. Sumados ás 50.000 actuais, Adamo alcanzará un total que pasa as 76.500 vivendas na súa rede lucense durante os próximos dous anos.

PUBLICIDADE