Adamo, Rede Aberta e Avatel levarán fibra óptica a máis de 137.000 familias do noso rural

luns, 24 de outubro do 2022 S. P.

A banda larga avanza no noso rural. Sen ir máis lonxe, a semana pasada o Ministerio de Economía (a través do Programa Único) anunciou un investimento público-privado de 17,5 millóns de euros para levar fibra óptica (FTTH, acrónimo en inglés de fibra até o fogar) e Internet de alta velocidade a 137.177 familias do ámbito rural das catro provincias (36.556 na Coruña, despregadas pola empresa galega Vento Rede – Rede Aberta; 32.670 en Lugo, achegadas por Adamo; 45.635 en Ourense, da man de Avatel; e 22.316 en Pontevedra, tamén da man de Avatel).
No caso de Lugo, Adamo achegou un resumo da súa folla de ruta e lembrou que a fibra óptica estará dispoñíbel para preto de 33.000 familias antes de que remate 2024. Trátase de fogares e empresas localizadas sobre todo en zonas illas e dispersas da provincia que a día de hoxe contan cun sinal de baixo rendemento ou que, directamente, carecen de conexión. Segundo explica Adamo (que a nivel estatal levará o cableado a 312.000 vivendas en 17 provincias), recibirá 12,3 millóns de euros do Ministerio para formalizar a devandita despregadura, cantidade que completará con outros 5,2 millóns de capital privado ata alcanzar os 17,5 de orzamento total. O prazo para a instalación comezará unha vez que a resolución sexa firme e finalizará o 31 de decembro de 2024.
Segundo explicou Adamo no seu balance, os traballos marcarán un antes e un despois na vida desas 33.000 familias lucenses, “posto que pasarán a realizar con garantías, cunha conexión a Internet de calidade, actividades que hoxe resultan en grao sumo habitual: teletraballo, educación online, compras por Internet, citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras”. Iso, engade a operadora, “sitúa á fibra óptica como un elemento fundamental para fixar habitantes no territorio, como unha ferramenta imprescindíbel na loita contra o fenómeno do despoboamento, un mal que afecta a numerosos pobos lucenses”.
Polo que respecta a Rede Aberta e A Coruña, a operadora neutra galega levará a dita tecnoloxía a 36.556 fogares da Coruña, tras a adxudicación do programa Único Banda Larga 2022 do Goberno central (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital). “A resolución do Ministerio”, sinalaron fontes da operadora, “suporá un importante pulo para a nosa estratexia de conectar as zonas rurais con infraestruturas dixitais de moi alta capacidade, con velocidades superiores aos 100 Mbps”. A día de hoxe, a firma ten en marcha un plan de despregadura para chegar a 192.000 fogares en toda Galicia no bienio 2023-2024.
A adxudicación do Plan Único na Coruña suporá un investimento de 26,6 millóns de euros, dos que 13,3 están financiados polo Ministerio de Asuntos Económicos con fondos do Plan de Recuperación para lograr o obxectivo da Axenda Dixital 2026: que o 100% da poboación teña acceso a conexións dixitais superiores aos 100 Mbps.
As actuacións de Rede Aberta despregaranse en “zonas brancas” da provincia coruñesa, ou sexa, as que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación no próximos tres anos.

PUBLICIDADE