Achégase en español FreetoDownload.org con máis de 1.500 programas abertos en libre descarga

mércores, 3 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

PortalProgramas vén de anunciar a posta en marcha no ámbito estatal, cunha web propia en español, dun proxecto social transfronteirizo destinado a subir novos chanzos na promoción do software libre. O proxecto chámase FreeToDownload.org e máis que promover encamíñase directamente a espallar a esgalla programas e recursos de programación aberta, tirando abaixo as posíbeis barreiras que poidan ficar aínda en pé entre quen oferta e quen demanda open source. O novo sitio en español abrangue a cifra nada desprezábel de máis de 1.500 programas sen restricións, aos que cómpre engadir 1.000 alternativas a programas propietarios, sobre todo para Windows aínda que tamén para Mac, Android e iPhone. O obxectivo dos seus responsábeis é converter o portal na maior plataforma mundial de difusión e distribución de software libre.
Para acadalo, a metodoloxía pola que apostan é a da sinxeleza absoluta. Ou sexa, que podemos baixar programas de xeito doado e rápido: ben co buscador ou directamente navegando polas ducias de categorías que se fornecen. Ademais, os impulsores da plataforma levaron até o extremo o seu compromiso de apostar por linguaxes claras e accesíbeis, evitando o emprego de tecnicismos.
Unha das funcionalidades máis interesantes é que permite atopar alternativas libres a programas pechados, co que poderemos saber que recursos abertos concretos nos achegan semellantes servizos cós propietarios.
FreeToDownload, sinalan dende PortalProgramas, é tamén unha maneira de introducir aos usuarios no mundo da programación aberta e a filosofía que ten detrás. Segundo Benjamin Segura, responsable do sitio, “o software libre ten un gran potencial, e necesitabamos facer máis para axudar a promovelo entre os usuarios”. Con FreeToDownload, engade, “desenvolvemos unha plataforma para descargar software de calidade e ademais gratuíto; estamos seguros de que animará aos usuarios a usar programas abertos”.

PUBLICIDADE