Achegan por vez primeira no Estado unha conexión de fibra de 1 Gbps para particulares

luns, 9 de setembro do 2013 Redacción

Estes días puidemos saber da posta en funcionamento en Catalunya dun novo operador de seu: Fibracat. A empresa en cuestión semella querer marcar as distancias e facer máis rebumbio cá competencia directa. Así, alíñase coa oferta de países especialmente adiantados en servizos de fibra óptica e achega unha oferta de 1 Gbps por 90 euros ao mes, segundo se conta na Rede a primeira destas características que se achega ao longo e ancho do territorio estatal. Fibracat, nova empresa até o de agora centrada en Catalunya e con especial fincapé na contorna de Manresa, achega infraestrutura de fibra óptica propia e, polo de agora, tres tarifas únicas para acceder aos seus servizos.
Unha primeira de 100 Mbps de baixada e 50 de subida cun prezo de 29,90 euros, unha de 300 Mbps de baixada e 100 de subida por 39,90 euros e outra, a máis potente, con 1 Gbps de baixada e 100 Mbps de subida polos devanditos 90 euros ao mes. Os servizos inclúen 1.000 minutos de chamadas a fixos nacionais e 100 minutos a móbiles de calquera operador, amais dun router Wi-Fi N. Non hai compromiso de permanencia.

PUBLICIDADE