AceleraTIC+ fará fincapé en adestrar aos nosos directivos en materia dixital

martes, 4 de abril do 2017 Redacción

Este martes 4 de abril foi dada a coñecer na Cidade da Cultura de Santiago a segunda edición do Programa AceleraTIC, AceleraTIC+, destinado a axudar aos nosos directivos empresariais a subir novos chanzos en materia de capacitación dixital e recursos para movérense con liberdade de movementos no eido da Sociedade da Información. Na apertura do acto-xornada de presentación, ao que asistiu un nutrido grupo de representantes das nosas PEME (tecnolóxico-dixitais e non tecnolóxico-dixitais), participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e máis o director xerente de AFundación (Abanca), Pedro Otero. Segundo lembraron, AceleraTIC+ diríxese, como o seu nome indica, a fornecer un extra de actividade (produtividade, competitividade, rendibilidade) nas nosas empresas pola vía das novas tecnoloxías da información. Trátase, máis polo miúdo, de formar a persoal directivo de empresas en aspectos clave relacionados coa transformación dixital dos seus negocios.
Segundo engadiron, con esta xornada de presentación ábrese o prazo de preinscrición na segunda convocatoria de AceleraTIC, que ficará aberto até o 24 de abril ás 18.00 horas e que conta e con 25 prazas. As persoas interesadas poderán preinscribirse no seu espazo privado na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/aceleraticp) ou no correo electrónico cdtic@xunta.gal. De entre as solicitudes recibidas, a axencia AMTEGA seleccionará 25 directivos, que, ao completaren o programa formativo, recibirán o título II Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa emitido pola Escola de Negocios de AFundación – IESIDE.
Pereira e Otero informaron tamén que o programa artéllase en seis sesións formativas, de sete horas de duración cada unha, centradas en diferentes aspectos da transformación dixital e que se impartirán na sala 1 da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura. Comezarán o 4 de maio cunha sesión que correrá a cargo de Álvaro Gómez e que leva por título Como competir no novo contorno tecnolóxico e social? Big data, cloud computing, app economy, Internet of things, robotización e industria 4.0.
As seguintes sesións distribuiranse da seguinte maneira:
• Xoves 11 de maio. Novas canles de comunicación coa clientela. Mercadotecnia dixital e redes sociais. Javier Varela
• Xoves 18 de maio. Estratexia de dixitalización da canle de vendas. O comercio electrónico como unha alternativa estratéxica. Carlos Otero
• Xoves 25 de maio. Posicionamento en Internet: SEO – SEM. José Alcañiz
• Xoves 1 de xuño. Ferramentas de medición e análise – Obradoiro de Google Analytics. Fernando Gómez
• Mércores 7 de xuño. Modelos organizativos e visión dixital. Transformación e xestión do cambio organizacional. Pablo Castejón
Finalmente, o xoves 8 e o venres 9 de xuño serán dúas xornadas de titorización/consultoría personalizada.
AceleraTIC+, de directivos a líderes dixitais na empresa No acto de presentación desta segunda andaina do programa de capacitación dixital para directivos fíxose saber que AceleraTIC+ é a continuación de AceleraTIC, celebrado en 2016, un programa de formación do que podemos recabar información a través dun novo vídeo en YouTube e que, en palabras de Pereira e Otero, “tivo moi boa acollida”. A iniciativa está enmarcada nas medidas do Centro Demostrador TIC da AMTEGA para “impulsar a transformación dixital das PEME”. Enm palabras de Pereira, “propicia un entorno onde directivos, xerentes e mesmo emprendedores de sectores de actividades moi diferentes, comparten ao longo das 6 sesións do programa formativo inquietudes, experiencias, problemas e solucións no ámbito da dixitalización, converténdose nun marco idóneo para o establecemento de sinerxías e colaboracións”.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das PEME de Galicia “como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade”. O Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos. O obxectivo principal do CDTIC é “amosarlles ás empresas e aos profesionais os beneficios que as novas ferramentas poden ofrecerlles ao seu negocio”. Para conseguilo o CDTIC pon a disposición do sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos e servizos.

PUBLICIDADE