Accesibles os documentos sobre o proxecto e-Hospital, de ampla participión galega

luns, 8 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Os resultados do proxecto europeo e-Hospital, do que xa falamos noutras ocasións nesta mesma web para dar conta dos seus froitos en materia de aprendizaxe a distancia para doentes, serán presentados polo miúdo na Conferencia Final do Proxecto que se vai celebrar o día 19 de setembro de 2008 na cidade austríaca de Krems. Os logros da iniciativa, que tivo unha ampla pegada en Galiza (sobre todo entre entre residentes de longa duración no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña -na imaxe- que, xunto coa Universidade de Santiago e a área de e-learning do CESGA, foi a única participación procedente do estado español no proxecto), figuran estes días resumidos en dous documentos pdf que poden solicitarse a través do seguinte enderezo: e-learning@cesga.es.
Polo que respecta ao relatorio de Krems, dicir que vai ir dirixido sobre todo a profesionais da educación de adultos e da aprendizaxe a distancia (en liña), investigadores, persoal de hospitais e outros axentes da saúde.
Segundo sinala o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o período de inscrición está aberto ata o 10 de Setembro de 2008. A inscrición no evento é gratuíta. Para rexistrarse, así como para obter unha maior información do evento, visite a páxina web oficial do proxecto ou contacte cos seus organizadores: ehospital@dieberater.com.
Estas son as dúas publicacións devanditas que xa están ao alcance dos internautas: E-learning para pacientes adultos hospitalizados. Experiencias-Retos-Recomendacións de 52 páxinas dispoñible en cinco idiomas, entre elas o español, e unha versión máis ampla titulada E-Hospital: Experiencias con actividades de e-learning para pacientes de 152 páxinas e dispoñible en inglés pero en breve estará dispoñible tamén en español.

PUBLICIDADE