Ábrese o prazo do campionato de modelado móbil en 3D da USC

martes, 13 de xaneiro do 2015 Redacción

Se somos apaixonados da tecnoloxía 3D e do móbil estamos de celebración, pois o grupo de investigación USCAN3D da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de abrir o prazo de inscrición para a segunda edición do campionato internacional de modelado 3D de precisión con teléfono móbil D3Mobile Metrology World League 2015. O certame, encamiñado a escolares de centros educativos de todo o mundo, é unha idea pioneira que pretende potenciar as vocacións científicas a través dun elemento de uso tan cotián entre os máis novos como é o teléfono móbil.
Ficará aberto até o vindeiro 5 de marzo de 2015, tal e como se establecen nas bases do mesmo, que unha vez máis volve contar co patrocinio e a colaboración de diversas entidades públicas e privadas: a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o Ministerio de Economía e Competencia, o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Centro Nacional de Información Xeográfica (CNIG), amais da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, a Fundación Vodafone España e Educabarrie (da Fundación Barrié).
O profesor da USC e director do proxecto, Juan Ortiz, explica que as razóns que motivaron e impulsaron a creación e posta en marcha deste proxecto atópanse no feito de que os modelos 3D de precisión empréganse decote en eidos tan achegados á cultura xuvenil como o: cinema, o fútbol, a Fórmula-1, a moda ou os videoxogos.
E indo ao miolo do certame, os participantes deberán organizarse en grupos de 2-4 persoas e buscar o apoio dun docente. Aprenderán a elaborar modelos tridimensionais cos seus terminais móbiles, no seu propio computador e cun software fotogramétrico libre. A competición, que se desenvolverá completamente en liña a través da rede, consistirá en coñecer que equipo é quen de medir e modelar obxectos en 3D coa maior calidade métrica e visual, premiándose os mellores traballos. “O obxectivo último é inculcar nos máis novos os conceptos de experimento e método científico, así como a importancia na toma de decisións a partir da análise dos resultados dun proceso experimental, ademais de espertar a vocación pola cultura científica a través dun instrumento tan preciso e familiar para eles como é o seu teléfono móbil”, sinala Juan Ortiz.
Desta volta a D3Mobile Metrology World League 2015, conta con varias novidades, como o son as dúas categorías nas que poderán participar as persoas inscritas no certame. Daquela, esta edición presenta a categoría D3Mobile Art, orientada a entusiastas do modelado 3D que non queiran preocuparse da calidade métrica, e D3Mobile Ano da Biotecnoloxía en España, pensada para difundir a biotecnoloxía entre os estudantes preuniversitarios deste país.
Como xa apuntamos, o período de inscrición permanecerá aberto até o 5 de marzo. Deica o mes de abril irán desenvolvéndose as probas, e durante o mes de maio poderanse votar os traballos presentados, un proceso de participación que tamén se desenvolverá en liña a través da páxina web, onde tamén se pode atopar cumprida información sobre este campionato mundial de modelado 3D de precisión con teléfono móbil. En xuño daranse a coñecer os resultados.

PUBLICIDADE