Ábrese a preinscrición no Máster en Enxeñería Informática da Universidade de Vigo

venres, 28 de xuño do 2013 Redacción

A Universidade de Vigo abriu hoxe o prazo de inscrición para o Máster Universitario en Enxeñería Informática no seu Campus de Ourense co que os alumnos poderán ampliar a súa preparación e aumentar o seu nivel de cualificación profesional adaptado ó Espazo Superior de Educación Europeo coa obtención deste título de Máster.
O obxectivo principal do programa é a preparación de profesionais altamente cualificados que poidan planificar, deseñar, dirixir, coordinar e xestionar proxectos, produtos, procesos en todos os ámbitos da Enxeñería Informática.

Formación enfocada o ámbito profesional


Adaptado as necesidades profesionais de hoxe, o Máster estrutúrase en 3 cuadrimestres e ten unha carga docente de 90 ECTS. No terceiro cuadrimestre os alumnos terán que elixir especialidade: Deseño e administración de sistemas e redes; Dirección de informática; ou Calidade de procesos e Servicios Informáticos. Todas as especialidades inclúen prácticas profesionais en empresas e a realización dun proxecto fin de Máster. As especialidades e a formación impartida no Máster aportan os coñecementos necesarios para traballos que teñen un elevado nivel de empregabilidade no contorno socioeconómica galego e estatal.
A formación está dirixida principalmente a Graduados en Enxeñería Informática e que desexen obter unha titulación de segundo ciclo, e alumnos que se atopen en disposición de distintos títulos LRU relacionados coa informática que desexan adaptar o seu currículo á nova estrutura de formación definida polo Espazo Superior de Educación Europeo.
O horario do Máster é uniforme o que permite compatibilizalo con outras actividades que estean desenvolvendo os alumnos e a preinscrición a este Máster comeza hoxe e permanecerá aberta até o vindeiro 4 de xullo.

PUBLICIDADE