Ábrese a convocatoria dos III Premios Galicia de Innovación e Deseño
luns, 2 de maio do 2022
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria
da terceira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, que terá
aberto o prazo de presentación de candidaturas até o 4 de xullo. Estes
galardóns son unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega
de Innovación, para recoñecer a destacada contribución de profesionais e
empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da
innovación e o deseño.
O certame conta con seis categorías, das que tres están
especificamente dirixidas a recoñecer a profesionais e empresas que contribúen
de xeito relevante á mellora do prestixio do deseño galego e as compañías que,
ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como
motor de innovación, sustentabilidade e competitividade. Un destes premios será
para profesionais cunha traxectoria de dez ou máis anos, outro para empresas
que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década
como mínimo, e un terceiro para deseñadores e deseñadoras menores de 35 anos de
idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
As outras tres categorías recoñecen a persoas e empresas
galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da
súa estratexia profesional e o seu crecemento no mercado, respectivamente. A
categoría de traxectoria innovadora recoñece a profesionais e líderes
empresariais cunha experiencia de polo menos dez anos na que a innovación
tivese un papel relevante. As categorías de grande empresa e pemes distinguen
as compañías cunha actividade innovadora destacada de polo menos dez e cinco
anos, respectivamente.
Os premios á traxectoria innovadora e á grande empresa no
apartado de innovación e á empresa no apartado de deseño teñen carácter honorífico,
mentres que todos os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros
cada un.
Edicións anteriores
Entre os criterios de avaliación, o xurado das categorías de
innovación terá en conta a traxectoria e actividade innovadora, así como o
posicionamento e o impacto da innovación na mellora da capacidade competitiva.
O xurado dos galardóns de deseño valorará a traxectoria e achega realizada, así
como o impulso á innovación a través dos seus proxectos de deseño.
Estes foron os aspectos nos que destacaron os galardoados
nas edicións anteriores deste certame. No apartado de deseño foron recoñecidos
Cenlitrosmetrocadrado e FrutoDS (profesionais), Eva Yarza e Damián Calvo
(talento emerxente) e Televés e TMC Cancela (empresas). No de innovación os
premiados foron Francisco Guitián e Fernando Pérez (traxectoria innovadora),
Marine Instruments e GalChimia (pemes) e Cupa Innovación e Congalsa (grandes
empresas).
Os Premios Galicia de Innovación e Deseño da Xunta
convócanse co obxectivo de destacar as mellores prácticas para que sirvan de
inspiración a todo o tecido empresarial, poñendo de relevo como a innovación e
o deseño son esenciais para mellorar a competitividade das empresas e a calidade
de vida das persoas.