Abre o prazo para presentar a proxectos á OSHWDem2020, que este ano celébrase en liña

mércores, 9 de setembro do 2020 S. P.

Os grandes acontecementos tecnolóxicos da nosa terra veñen este ano marcados polas esixencias da actual situación sanitaria, e, malia que algúns non lles quedou outra vía que cancelarse ou adiarse, outros están a optar pola vía online e por tirar proveito da actividade xerada nas redes polas comunidades que lles dan sustento e apoio. É o caso (este último) da feira maker OSHWDem da Coruña, que este ano 2020 terá lugar en formato en liña. Será o 7 de novembro. Segundo puidemos saber, a organización está mobilizando as concorridas fileiras de argalleiras e argalleiros da nosa terra e do ámbito estatal e internacional para lucir proxectos no marco do dito evento. Terán cabida, como cada ano, contribucións tecnolóxicas ligadas á educación, a robótica, as comunicacións, a música, a arte e a impresión 3D.
Segundo detalla o grupo de impulsores da OSHWDem “buscamos e daremos preferencia a proxectos baseados en tecnoloxías abertas, canto máis abertas, mellor. Valoramos tamén o grao de innovación do proxecto, a calidade da súa documentación, a súa comunidade e, en xeral, calquera aspecto que o faga interesante para a OSHWDem”.
De feito, neste intre xa está aberto o Call4Makers, polo que xa é posíbel presentar contribucións acompañándoas da información complementaria sobre a súa natureza e os seus obxectivos, e máis dun formulario de datos persoais para que a organización poida poñerse en contacto cos makers.

PUBLICIDADE