Abre o prazo para contribuír á creación dos nosos Hubs de Innovación Dixital

luns, 20 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Acto de presentación dos hubs dixitais galegos, celebrado este mes de marzoCo obxectivo de pór en marcha e dinamizar este ano os Hubs de Innovación Dixital, a Axencia Galega de de Innovación (GAIN) ten aberto até o 20 de setembro o prazo para que os axentes do sistema galego de I+D+i fagan as súas achegas en relación á creación destas estruturas de traballo. Ao longo deste proceso (un mes de prazo) os axentes poderán facer chegar as súas manifestacións de interese e as súas propostas de configuración.
A creación dos Hubs insírese no Plan Galicia Innova 2020. O seu obxectivo é configurárense como instrumentos “principais para dinamizar a innovación” na nosa terra, acompañándose dunha serie de axudas para o arrinque deste tipo de estruturas.
Volvendo ao prazo para a recepción de contribucións, GAIN quere tirar proveito do mesmo para fomentar a colaboración entre os diversos axentes e consolidar, a raíz destas sinerxías e traballos conxuntos, “propostas coordinadas que conten co consenso necesario que garanta a súa eficacia e eficiencia”. As propostas ou manifestacións de interese deberán encamiñarse a describir unha visión e actividades preparatorias para a posta en marcha do Hub de Innovación Dixital.
A natureza do modelo
Os principais obxectivos deste modelo son fortalecer as ligazóns do sistema galego de innovación artellando modelos de colaboración abertos para aproveitar as capacidades existentes e avanzar na especialización intelixente de Galicia, concentrando recursos e infraestruturas ao redor de ámbitos estratéxicos para Galicia (Industria 4.0, Aeronáutica e Bioeconomía), baixo o principio da “auto-sustentabilidade”.
GAIN define os Hubs de Innovación Dixital como “puntos de encontro da empresa, a investigación e o financiamento”, do que todos se benefician: as empresas provedoras de innovación poderán madurar as súas tecnoloxías e ampliar as súas aplicacións, abrindo novos mercados; as PEME obtendo apoio para levar ao mercado novos produtos e servizos competitivos; e os centros de competencias estendendo actividades a proxectos industriais e abrindo negocios sustentábeis.
Algúns dos servizos que ofrecen os hubs son: actuar como xanela única de acceso a servizos de apoio á innovación e compartir infraestruturas e coñecemento; facilitar o acceso a financiamento para a dixitalización; prover servizos de asesoramento e formación; fomentar sinerxías e transferencia entre industrias; apoiar o emprendemento; crear ligazóns con redes europeas de hubs; ofertar os últimos coñecementos e experiencias en tecnoloxías avanzadas, etc.

PUBLICIDADE