Aberto o prazo para presentar audiovisuais á nova edición (a sétima) do Enreguéifate

luns, 22 de xaneiro do 2024 S. P.

O prazo de inscrición para enviar audiovisuais ao certame de regueifas en vídeo, o certame Enrguéifate, estará aberto até o 1 de marzo. Os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística que se presentou os días pasados no Pazo de Raxoi baixo o lema Temos madeira regueifeira!.
Na presentación participaron a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Contratación, Mocidade, Feiras e Mercados do Concello de Carballo, Ramón Varela Rodríguez; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate.
"Trátase dunha firme aposta pola colaboración entre administracións municipais co obxectivo conxunto de defender e promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír así á promoción e dinamización do uso da lingua galega", explicou Goretti Sanmartín.
Baixo o dito lema, o certame Enreguéifate procurará sacar á luz o talento para a improvisación oral que existe no noso país. En palabras da organización: “Temos madeira regueifeira porque a regueifa circula desde as nosas raíces até o século XXI. A regueifa é de natureza patrimonial, o noso bosque autóctono da improvisación oral en verso”.
Como dixemos, o prazo para participar no certame de regueifas en vídeo estará aberto até o 1 de marzo. A inscrición pode realizarse dende a páxina web do certame, onde xa están dispoñibeis as bases. As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas retrucando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.
Segundo explicou o concelleiro de Carballo, Ramón Varela Rodríguez, "repítense as categorías de anos anteriores": unha xeral, para calquera persoa; e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, de xeito que poderán participar todas aquelas persoas que o desexen. Como en edicións previas, haberá tamén seis premios en cada unha das categorías: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. A gala de entrega dos galardóns celebrarase na mañá do mércores, 3 de abril de 2024 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
O proxecto Enreguéifate non só se limita ao certame de regueifas en vídeo, senón que desenvolve accións formativas para alumnado e profesorado. Así, segundo detallou Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, dende o pasado mes de outubro e ata febreiro, están a levarse a cabo a cabo máis de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e da ESO dunha trintena de centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo "cunha grande acollida tanto entre o alumnado como entre o profesorado".
Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces son este ano as persoas encargadas de impartir as accións formativas para escolares. A regueifeira de Coristanco, bisneta do considerado padriño da regueifa de Bergantiños na década dos 80, foi precisamente quen abriu, regueifando, o acto de presentación este mediodía.

PUBLICIDADE