Aberto o prazo para inscribirse no seminario técnico sobre auditoría de seguridade do CNTG

venres, 27 de abril do 2012 Raquel Noya

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellaría de Traballo e Benestar, vai celebrar o vindeiro martes 29 de maio, un seminario técnico sobre auditoría de seguridade, que vai dirixido especificamente a aquelas persoas interesadas en coñecer as distintas ferramentas que existen na actualidade para levar a cabo este tipo de xestións e as técnicas máis axeitadas a cada caso.
A xornada, que dará comezo a partir das 9:30 horas, permitirá afondar nos contidos propios dunha auditoría de seguridade para poder efectuar con éxito unha análise e posterior interpretación dos resultados acadados.
As persoas asistentes tamén comprobarán de primeira man cales son as técnicas e medios empregados na recompilación de información corporativa en Internet, así como as ferramentas de verificación que teñen á súa disposición, tales como TCP scanners, web scanners, password crackers, login crackers, generic scanners, sniffers... para facelo de xeito doado.
O relator convidado para impartir a xornada será Kenneth Peiruza, consultor IT e formador GNU/Linux, e colaborador habitual como docente do CNTG.
Peiruza, que conta cunha ampla experiencia en labores de implantación, administración e seguimento de sistemas informáticos en todo tipo de empresas e entidades, achegará ás persoas asistentes aos conceptos de hacker, cracker, white/black/grey hat, XSS, inxeccións SQL, man in the middle ou ip spoofing, entre outros relacionados coa auditoría de seguridade, a fin de afondar na materia e dar pé a que xurdan dúbidas que poida resolver.
Para asistir á xornada é necesario realizar previamente unha inscrición en liña a través da web do CNTG, que manterá aberto o prazo dende hoxe ata o vindeiro 28 de maio.
As persoas interesadas en recibir un certificado de asistencia ao acto deberán asistir obrigatoriamente á xornada, podendo solicitar o documento o mesmo día da celebración do acto na xefatura de estudos do CNTG.