Aberto o prazo para inscribirse nas Xornadas TIC TAC Galicia

venres, 1 de abril do 2011 Raquel Noya

Dende que comezou o 2011, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, non deixou nin un só día de velar pola plena accesibilidade de todas as persoas ao que coñecemos como Sociedade da Información. Os seus últimos esforzos investiunos en achegarlle as TIC ás persoas con discapacidade (colectivo que agora mesmo centra os intereses máis inmediatos desta entidade) así como aos seus familiares e ás persoas vinculadas dalgunha maneira coa accesibilidade en xeral.
Pois ben, en Galicia dispoñemos dun total de 149 centros públicos pertencentes a distintas consellarías e departamentos autonómicos que contan xa con equipamento adaptado para persoas con discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motora.
Porén para usar estes dispositivos tecnolóxicos adaptados, as persoas usuarias non naceron aprendidas (nin elas nin ninguén), e a última iniciativa que Modernización puxo a andar consiste precisamente en levar a cabo (coa colaboración de Red.es) unha serie de xornadas para informar ás persoas usuarias do equipamento do que dispoñen nestas aulas.
As xornadas, que se extenderán durante todo o mes de abril no marco do Proxecto TIC TAC Galicia, teñen unha duración aproximada de 4 horas así como un marcado carácter dinámico e participativo.
Celebraranse ao longo deste mes na Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Viveiro, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra e Vigo, e para asistir, as persoas interesadas poderán incribirse de balde a través de 2014.gal@xunta.es ou ben chamando aos teléfonos 881 999121 / 881 999012.
Xunto con estas xornadas de difusión, o programa TIC TAC está tamén a desenvolver xornadas de formación orientadas aos profesionais que asesorarán aos usuarios no uso do equipamento, proporcionándolles a capacitación necesaria para orientar e atender as necesidades de todos aqueles que se acheguen para facer uso destes dispositivos.

PUBLICIDADE