Aberto en Lugo o prazo do concurso en TikTok contra a trata e a explotación sexual

mércores, 7 de setembro do 2022 S. P.

A concelleira de Muller e Igualdade de Lugo, Silvia Alonso, vén de anunciar a apertura do prazo para participar no concurso en TikTok para sensibilizar sobre a trata de mulleres con fins de explotación sexual. Este certame, posto en marcha polo Goberno de Lara Méndez, pon o foco na rede social TikTok “pola facilidade de creación dos vídeos que proporciona e por ser unha das redes sociais favoritas da mocidade”.
O certame conta con dous premios: un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo con 100 euros. A participación, que é gratuíta e online, estará aberta ata o 23 de setembro de 2022, coincidindo co Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, e as persoas gañadoras daranse a coñecer o 30 de setembro de 2022 tras o fallo do xurado, que estará formado por representantes do Concello de Lugo, a Casa da Muller de Lugo e personalidades do sector audiovisual, entre outros.
Silvia Alonso explicou que os vídeos que se presenten ao concurso deben abordar calquera tema que concirna á loita pola igualdade e “faga visíbel a explotación sexual e o tráfico de mulleres”. Para formar parte do certame só hai que subir un vídeo á rede TikTok, co cancelo do concurso (#Lugoporlaigualdad) e cubrir o formulario de inscrición, onde tamén se poden consultar as bases.
A duración máxima das obras será dun minuto e, segundo informou a concelleira, “pódense empregar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social, sendo imprescindíbel que a conta sexa pública”. Poderán participar todas aquelas persoas que residan, traballen, estuden ou naceran en Lugo maiores de 14 anos e non serán admitidas obras con linguaxe xenófoba, machista, homófona, racista, violenta ou de incitación ao odio.

PUBLICIDADE