Aberto até o 16 o prazo para inscribirnos na xornada sobre xornalismo e redes sociais do CPEIG

martes, 2 de setembro do 2014 Redacción

Exterior da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, sede da xornada

Á saída do verán, haberá na nosa terra importantes eventos TIC si ou si. Un dos que máis nos tocan de preto e que máis amplas perspectivas profesionais abrangue (é de interese non só para todas aquelas persoas que traballan no eido das novas tecnoloxías, senón tamén para os que desempeñan o seu labor no ámbito comunicativo, divulgador e xornalístico) é o encontro que prepara o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) para o día 18 de setembro en Santiago. A xornada Xornalismo, datos e redes sociais, que como dixemos dará acubillo a expertos en comunicación e novas tecnoloxías, desenvolverase en colaboración con AMTEGA na Facultade de Ciencias da Comunicación. Lembrar que o prazo de inscrición está aberto aínda até o 16 de setembro. Confirmar a nosa asistencia é de balde a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org.
A cita, que se estenderá na mañá abranguendo boa parte da tarde, permitiralles aos asistentes afondar na influencia das TI no labor xornalístico. A xornada contará entre outros coa presenza do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que acudirá acompañado de representantes da axencia AMTEGA e da Facultade de Ciencias da Comunicación. Suárez abrirá o encontro para logo dar paso á intervención da reportuitera, comunicadora e xestora de redes sociais Laura Camino, quen tratará o emprendemento e as redes sociais, centrándose na súa experiencia persoal na redes social Twitter (O xornalismo en 140 caracteres). A continuación, o patrono fundador e director de Civio Fundación Ciudadana, David Cabo, falará da transparencia dos datos e da iniciativa dondevanmisimpuestos.es. Máis tarde, o vicepresidente do CPEIG, Juan Otero, abordará o tratamento nos medios de comunicación do denominado “erro informático”. Pola súa banda, a produtora e investigadora de contidos dixitais, María Yáñez, introducirá unha perspectiva de xénero co relatorio Muller e comunicación dixital. O director da edición dixital de La Voz de Galicia, Tomás García, pechará as intervencións da mañá co tema Novas perspectivas do xornalismo electrónico.
Xa pola tarde, a xornada centrarase na mesa redonda Tecnoloxía para a divulgación. Nela participarán o doutor en Ciencias da Información pola USC e doutor en Ciberxornalismo, Manuel Gago, quen abordará o seu proxecto Torre de Mouros; o CEO de Teltek Vídeo Research e coordinador técnico de UVigo-TV, Vicente Goyanes, quen falará da súa experiencia en Vigo iTunes U; e o doutor en Comunicación pola UCM e profesor na USC, Xaime Fandiño, quen exporá o seu proxecto Latencia 0?

PUBLICIDADE