Abanca estrea en Vigo a súa oficina empresarial “de última xeración”

venres, 15 de abril do 2016 Redacción

Abanca presentou onte a súa nova oficina de empresas en Vigo, en si mesma unha materialización do modelo “ideal” de oficina innovadora que ten a entidade galega para os anos vindeiros. O obxectivo das novas dependencias, segundo se fixo saber, é mellorar ao máximo a atención aos clientes do ámbito corporativo, achegando “unha meirande especialización e elementos tecnolóxicos de última xeración”. A oficina, emprazada no baixo da sede institucional do banco en Vigo, conta cun equipo de trece profesionais. Abrangue máis de 300 metros cadrados e amosa unha disposición sen barreiras artellada en catro eixes: distribución, xestión comercial especializada, asesoramento e back office. A atención ao cliente concéntrase na zona de asesoramento, con catro salas de reunións. Segundo informou Abanca, o novo espazo “está dotado co equipamento e funcionalidades tecnolóxicas máis innovadoras do mercado, que facilitan a mobilidade dos xestores e reducen tempos de espera e procesos”.
Desta maneira, nas dependencias inauguradas todos os axentes-profesionais contan con tabletas Microsoft Surface, dispositivos de traballo con funcionalidade de PC que permiten, en palabras de Abanca, “atender ao cliente en calquera lugar, mesmo na súa propia empresa”. Segundo fixo saber a entidade financeira na presentación, a oficina de empresas de Vigo é a primeira de Abanca adaptada ao novo modelo de oficina que procura a compañía para os anos vindeiros: un espazo moi envorcado coas TIC e acaído para asegurar a calidade do servizo ao cliente “a través de solucións tecnolóxicas de última xeración, amplos espazos abertos (non hai mostradores nin despachos) e zonas diferenciadas en función do servizo que se preste ao cliente”.
Ademais, o novo artellamento das oficinas da entidade financeira galega obedece “a un modelo de relación co cliente máis funcional, próximo, innovador, eficiente e sustentábel”, fixeron saber os responsábeis de Abanca no acto de inauguración oficial, no que participaron, por certo, máis de 200 empresarios de Vigo e contorna, acompañados polos principais directivos de Abanca e distintos cargos da área de empresas da entidade. Durante a sesión, o vicepresidente da entidade, Juan Carlos Escotet, salientou que “as empresas son un segmento de negocio prioritario e ímoslles dar un impulso durante este ano”. E engadiu: “Queremos seguir sendo o principal aliado do tecido empresarial galego apoiándoo, principalmente a través do financiamento, tanto no seu día a día coma nos seus proxectos de crecemento e expansión internacional”.
Pola súa banda, o conselleiro delegado, Francisco Botas, anunciou que “o plan de impulso á empresa que deseñou a entidade para 2016 abrangue crecementos de dous díxitos tanto en financiamento de circulante coma en préstamos a longo prazo para apoiar novos proxectos de investimento”. Segundo fixo saber, “para desenvolver este plan contamos con dous elementos diferenciais no mercado: a nosa especialización e coñecemento do tecido empresarial galego e a capilaridade da nosa rede de oficinas, a maior de Galicia”. Respecto do plan de negocio de Abanca, engadiron que abrangue un obxectivo de concesión de 11.000 millóns de euros en novo crédito para a empresa durante os vindeiros tres anos. Ademais, fixeron saber que a entidade financeira financia ao 61% das PEME e empresas galegas con débeda bancaria, “e suma 12.900 millóns de euros na súa carteira de investimento empresarial”.

PUBLICIDADE