Abanca equipará as súas novas oficinas con tabletas, pantallas interactivas e Wi-Fi

venres, 27 de novembro do 2015 Redacción

Abanca presentou onte na Coruña o seu novo modelo de oficina, unha aposta polo “tecnolóxico e pola eficacia do servizo”, en palabras da entidade galega, cuxo vicepresidente, Juan Carlos Escotet, explicou que estamos ante “un proxecto estratéxico á altura das grandes transformacións que experimentou o banco dende a súa creación”. Na posta en longo da oficina piloto fíxose saber, tamén, que o novo concepto de sucursal estenderase de maneira progresiva a toda a rede comercial de Abanca. Entre as incorporacións tecnolóxicas cómpre salientar un dispositivo xestor de benvida e tabletas para facilitar a interacción co cliente.
Dende o punto de vista físico e visual, as dependencias caracterízanse polos seus espazos abertos e sen barreiras, “cun forte compoñente tecnolóxico e de imaxe”. Disporán de dúas grandes zonas diferenciadas en función do servizo que se preste ao cliente: a zona transaccional (adicada á benvida e á realización de xestións de efectivo) e a zona de asesoramento (con postos de atención personalizada e salas de reunións).
Como dixemos, a nova oficina da entidade financeira galega está dotada con equipamento e funcionalidades tecnolóxicas “de última xeración”. Ademais do xestor de benvida, outro dos elementos tecnolóxicos diferenciais do novo modelo de oficina son as tabletas Microsoft Surface, dispositivos de traballo con funcionalidade de PC que permiten atender o cliente en calquera zona da sucursal. O espazo dispón tamén de infraestrutura Wi-Fi que se dirixe “a facilitar a mobilidade dos empregados e ofrece ao cliente a posibilidade de conectarse a Internet gratuitamente mentres está na oficina, así como de pantallas interactivas”, sinalaron os responsábeis do banco na presentación da sucursal piloto, salientando tamén os elementos de vídeo incluídos, que “teñen un papel relevante no novo modelo de oficina de Abanca”. Así, as novas sucursais estarán dotadas cun videowall e cubos transparentes, “unhas pantallas innovadoras que permiten combinar unha proxección de vídeo cun obxecto real”, engadiuse.

PUBLICIDADE