Abanca consegue a acreditación máis alta de calidade para a súa vertente tecnolóxica

mércores, 16 de decembro do 2015 Redacción

O conselleiro delegado, Francisco Botas, recibindo a certificación

A entidade financeira galega Abanca vén de obter un importante recoñecemento para a súa vertente TIC. Máis polo miúdo, o recoñecemento consiste na renovación do nivel 5 en materia de CCMI (Modelo Integrado de Capacidade e Madurez), que é un estándar que avalía o grao de desenvolvemento do software dunha organización. Segundo fan saber os responsábeis da banca galega, “fomos quen de manternos como a única entidade financeira europea e a segunda do mundo que dispón deste nivel de certificación”.
Segundo explica Abanca, o modelo CMMI recoñece oficialmente que o equipo de desenvolvemento da corporación galega posúe e aplica “un modelo de traballo definido, maduro e eficaz para o desenvolvemento de software, o que lle permite ofrecer un mellor servizo aos seus clientes”. Sobre as vantaxes desta acreditación, os responsábeis da entidade lembran que “o nivel 5 de CMMI permítenos un aforro importante de custos e dar un mellor servizo aos nosos clientes, aumentando a rapidez na tramitación de produtos e unha mellora na dispoñibilidade de canles”, sinala Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca, que tamén engade os beneficios de contar “cun mellor aliñamento dos procesos de desenvolvemento coa estratexia de negocio e as necesidades dos clientes”. O nivel 5 de CMMI, ademais, permite á entidade “ter rexistros contrastados de cumprimento de prazos e traballar coa máxima calidade, o que está a permitir avanzar no desenvolvemento dun modelo de banca máis dixital e multicanle”.
Na base deste recoñecemento atópanse iniciativas como Abanca Dixital, un proxecto coa que a entidade financeira quere “axilizar os procesos para ofrecer ao cliente un servizo omnicanle, innovador, con altos niveis de calidade e coa posibilidade de contratar produtos e servizos sen necesidade de acudir á oficina”. O obxectivo, engade a banca galega, é que os clientes do banco poidan realizar, “en calquera intre e en calquera lugar”, todo tipo de transaccións financeiras de xeito que elixan como queren xestionar e contratar os seus produtos con Abanca, a través de oficinas, da web, do teléfono, da banca electrónica ou da banca móbil.

PUBLICIDADE