Abanca aposta pola accesibilidade e a comunicación integral na súa web

venres, 4 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Practicamente a estas alturas xa estamos ao tanto do tema todas as galegas e os galegos: Novagaliciabanco converteuse en Abanca, e así se nos fixo saber a pé de sucursais, coa integración do novo nome corporativo a tódolos niveis. Pois ben, como era de agardar, levouse a cabo un proceso análogo de adaptación aos novos tempos e á nova dirección na vertente dixital da entidade financeira. Encabezando esta transformación situouse abanca.com, a nova web oficial dunha empresa que malia tódolos cambios producidos no seu seo segue a gabarse de seguir sendo galega. Para comezar, cómpre dicir que o factor galeguidade está a ser ben aplicado a nivel de comunicación, tanto física (nas sucursais boa parte do comunicado, senón todo, está na nosa lingua) como dixital.
A páxina en cuestión comezou a súa andaina oficial o pasado 26 de xuño, amosando nova marca, novo logotipo e unha vontade máis clara de accesibilidade e de comunicación directa. A web, artellada en varias seccións diferenciadas, aposta por un deseño e unha articulación dos elementos moito máis limpos e ceibes de atrancos, que xeito que o camiño do internauta cara á información relevante da entidade (produtos, localización de sucursais, acceso a banca electrónica) sexa o máis breve e doado posíbel. O obxectivo da nova dirección era marcar diferenzas coa páxina anterior, a de Novagaliciabanco, xa inaccesíbel e servindo de punto de redireccionamento cara ao novo portal. As diferenzas percíbense sobre todo nas formas e na distribución dos contidos, xa que unha parte dos mesmos (os produtos e servizos máis demandados) segue a estar vixente co cambio de nome.
A páxina estará, de aquí en adiante, en constante crecemento e desenvolvemento. Mesmo coa axuda dos internautas, segundo fai saber a dirección de Abanca (que manifesta o seu interese por apostar pola participación cidadá a tódolos niveis). Segundo se indica nunha das seccións do novo sitio da entidade galega, “a web que estamos a ver non é máis ca un primeiro paso nunha serie de mudanzas que imos a ir realizando na páxina e máis na nosa relación cos clientes a través de Internet”. Polo tanto, a gran maioría dos produtos e servizos que a empresa ten en preparación irán saíndo e amosándose de xeito progresivo. “A nosa idea é ir facendo as cousas a modo e ben”, engaden, facendo fincapé nos principios que alentan a nova páxina: transparencia (Abanca quere que a información en liña sexa o máis clara e precisa posíbel), comunicación, adaptabilidade a calquera formato e dispositivo de acceso (a idea que a web funcione á perfección en móbiles smartphones, tablets, computadoras persoais, con independencia do tamaño da pantalla) e convite aberto e permanente á colaboración cos usuarios (a idea é animarnos a facer comentarios sobre o funcionamento da páxina achegando a nosa valoración persoal”.

PUBLICIDADE