AXEGA fortalece o seu equipamento cun dron operativo en condicións extremas

luns, 8 de xaneiro do 2018 Redacción

Os drons, en materia de resposta ante incidencias (operacións de rescate, localización de lumes, salvamento, achado de persoas extraviadas), teñen un amplo potencial de efectividade ao incrementar a nosa capacidade de ver, ouvir, atopar e xerar información de campo. Co fin de seguir tirando o máximo proveito destes aparellos, e descubrir todo o seu potencial, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) vén de adquirir unha nova nave non tripulada de última xeración, desenvolvida polo fabricante DJI. Con esta incorporación fortalécese a operativa da Unidade Operativa de Drons (UOD), tanto a nivel Estatal como da Unión Europea a través da EENA (Asociación Europea do número único de Emerxencias).
Entre as características máis salientábeis do dron atopan as seguintes: conta con certificación IP-43; sensores antichoque de varrido 360 graos; dobre Gimbal con posicionamento variábel; zoom óptico de vídeo de 30x; termografía con obxectivo de 19mm; ou batería calefactada con posibilidade de voo con baixas temperaturas. Ademais, a aeronave adáptase plenamente aos requirimentos da nova normativa neste eido e amplía a súa operatividade ao poder voar con chuvia e baixas temperaturas.
Balance de 2017
A UOD da AXEGA vén de prestar durante o ano 2017 un total de 20 servizos, a maioría en colaboración coas forzas e corpos de seguridade na busca de persoas desaparecidas, aínda que tamén en dispositivos de carácter preventivo, divulgativo-formativo e como ferramenta de autoprotección do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, integrándose no dispositivo de seguridade do continxente galego desprazado a Portugal a raíz da vaga de lumes forestais, a fin da detección de eventuais atrancos nas estradas por arbores/obstáculos que dificultaran o desprazamento dos vehículos de grandes dimensións mobilizados.

PUBLICIDADE