ASOLIF oferta varios cursos de formación en Android

xoves, 26 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Nos últimos anos, o sistema operativo Android, usado en dispositivos móbiles como teléfonos intelixentes e tabletas (principalmente), experimentou un notable incremento nas súas vendas, e de feito, os dispositivos con este SO supoñen xa “máis do 52% do mercado mundial dos smartphones”. Dende o Centro de Referencia de Formación de ASOLIF, sabedores da importancia que está a acadar esta ferramenta entre a cidadanía en xeral e os profesionais TIC en particular, veñen de anunciar a celebración en breve de varias accións formativas neste software, do que din, “resulta hoxe unha ferramenta imprescindible”.
Xa que logo, esta entidade está a organizar varios cursos formativos Android, que se impartirán na modalidade a distancia, “de profesional a profesional”.
Trátase dos cursos Android Esencial e Android Profesional, os cales poden ser subvencionados a través da Fundación Tripartita, que se encarga de realizar a súa xestión totalmente de balde.
O límite de prazas está establecido en 50 e o prazo de inscrición remata o vindeiro 18 de febreiro.
No tocante “á dolorosa”, é dicir, ao prezo dos cursos, apuntar que están fixados en 600 euros para a modalidade esencial e en 700 para a profesional, porén as persoas interesadas que se inscriban (en calquera das dúas modalidades) a través da empresa galega Tegnix, beneficiaranse dun desconto de 50 euros.
A estes hai que engadirlle outro curso, o de Android Combo, que aglutina as modalidades Esencial e Profesional, e que xa ascende a un prezo de 1.190 euros. Da mesma maneira, as persoas que se inscriban a través da empresa socia de AGASOL, recibirán unha tableta Android e verán rebaixado o seu prezo en 100 euros.

PUBLICIDADE