ASGECO advirte sobre a proliferación de queixas polo denominado efecto couponing

xoves, 19 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Á hora de comprar algún produto, sobre todo do eido tecnolóxico, cada vez son máis as persoas que se decantan por Internet para facelo, pois agora coa proliferación dos cupóns de desconto e ofertas personalizadas na Rede, este medio está a resultar máis atractivo que nunca para adquirir “gangas” de todo tipo.
Porén a Asociación General de Consumidores, ASGECO Confederación, vén de alertar aos consumidores que se decantan pola adquisición deste tipo de cupóns de desconto en Internet (que puxeron de moda o chamado “couponing”), de que se trata dunha operación de marketing na que interveñen máis compañías que a que ofrece o produto ou servizo.
É por iso que, en moitos casos, os consumidores abonan o importe da súa compra directamente ás compañías que ofrecen os cupóns de desconto, que son os que negociaron o paquete de produtos ou servizos previamente coa empresa ou establecemento en cuestión, porén á hora de reclamar non se dirixen a estas empresas mediadoras.
Segundo ASGECO, cando o problema se da na prestación do servizo contratado ou en asuntos relacionados coa garantía do ben adquirido, “o consumidor deberá dirixir a súa reclamación ao establecemento ou empresa fabricante”.
Da mesma maneira, a entidade advirte que ao adquirir un produto ou servizo mediante estes cupóns, posúen, ao igual que calquera outra venda a distancia, “o dereito de desestimento sempre e cando sexa nos primeiros sete días seguintes á recepción do mesmo, tal e como establece a lei”.
Xa que logo, e coma en todo, o máis importante é anticiparse, polo que antes de realizar a compra dun destes cupóns de ofertas convén informarse na medida do posible sobre o prezo orixinal, sen desconto, do produto ou servizo, para desa maneira comprobar que en realidade existe esa redución no prezo final.
A Asociación tamén recomenda comprobar que cando se adquire un “pack”, necesitamos tódolos produtos incluídos, e se o prezo final representa unha “verdadeira vantaxe” sobre a suma dos prezos orixinais dos produtos incluídos no lote.

PUBLICIDADE