APE Galicia celebra en setembro dous cursos gratuítos para avanzarmos en dixitalización

venres, 19 de agosto do 2022 S. P.

APE Galicia (Asociación intersectorial e interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia) abriu o prazo de inscrición para dous cursos gratuítos sobre competencias dixitais. Serán dúas actividades online desenvolvidas en colaboración con Maude Studio e centradas en achegar formación tecnolóxica ás persoas autónomas e ás pemes da nosa terra. Celebraranse durante o mes de setembro.
Por unha banda, o curso de Xestión de contidos dixitais en cooperativas, cunha duración de 63 horas, ten como obxectivo ensinar a xestionar contidos dixitais nas empresas e coñecer as aplicacións prácticas e peculiaridades a ter en conta nelas.
E, doutra banda, o curso de Marketing básico en medios sociais, cunha duración de 28 horas, busca afondar no comercio electrónico e a mercadotecnia (marketing) en Internet, así como dar a coñecer todos os elementos a ter en conta para facer un xestión de forma autónoma e responsábel dunha empresa.
As prazas para participar nos cursos gratuítos son limitadas e poden reservarse na web de APE Galicia.

PUBLICIDADE