APD lévanos este mércores ao mundo tecnolóxico que nos agarda

luns, 28 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mércores 30 vaise celebrar en Santiago, no Auditorio de Abanca do Preguntoiro, a sexta edición de O Mundo que Vén, a xornada de debate e información arredor das novas tendencias tecnolóxicas empresariais (e sociais, científicas, culturais) que organiza a Asociación para o Progreso da Dirección (ADP), coa colaboración da Xunta e o Círculo Financeiro de Galicia. A cita será inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Na xornada participarán relatoras e relatores de empresas como Microsoft, IBM, Steelcase, Retina, CISCO ou Hijos de Rivera, entre outras firmas. Todas teñen en común o seu carácter referencial como innovadoras ou ben como exemplos de transformación innovadora nos seus procesos.
En termos máis concretos, participarán Andreu Vilamitjana, director xeral de CISCO, José A. Ondiviela, director de Solucións de Cidades Intelixentes de Microsoft para o occidente europeo, Erik Häggblom, director executivo de Tribaldata e Alumni de Singularity University, Virginia Lavín, directora de Retina El País, Alejandro Pociña, presidente de Steelcase, Nuria Alonso, directora de Transformación Dixital de Hijos de Rivera, Antón Costas, economista, Mikel Diez, responsábel de Innovación Tecnolóxica e Deseño en IBM, Francisco Conde, conselleiro de Economía, e Santiago Sesto, director zona noroeste de APD.
En palabras da organización, na sexta edición da xornada búscase “construír un encontro colmado de ideas e relatores expertos cos que aprender e debater acerca dunha cuestión tan crítica como o mundo que teremos e o mundo que queremos no mundo que vén, da man de empresas tecnolóxicas de referencia a nivel mundial”.
As sesións darán comezo ás 8.45 horas e estenderanse até as 14.30 horas.

PUBLICIDADE