APD celebra en Santiago un foro sobre innovación e medre empresarial

martes, 6 de maio do 2008 Raquel Noya

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) vai celebrar mañá en Santiago de Compostela o Foro sobre innovación e crecemento empresarial. Oportunidades e tendencias, un encontro no que colaboran Foro Innovación, F. Iniciativas e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) e que terá lugar na sede desta última entidade.
O director xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato de la Iglesia, inaugurará a xornada ás 9:45 horas para darlle paso á intervención do presidente de Foro Innovación, Martín García Vaquero, o encargado do relatorio Innovando para medrar.
A continuación, ó remate doutros relatorios ofrecidos por distintos profesionais, terá lugar unha mesa redonda na que se debaterá sobre Innovación e tecnoloxía e nela participarán, entre outros, o vicepresidente da Asociación de Parques Tecnolóxicos de España (APTE), José Luis Virumbrales mailo director xeral da Federación Española de Centros Tecnolóxicos (FEDIT), Íñigo Segura. Estes expertos analizarán as novas fontes do crecemento e o papel dos centros tecnolóxicos e das universidades na creación e crecemento das empresas innovadoras.
O Foro finalizará coa intervención de distintos representantes de prestixiosas empresas que relatarán as súas experiencias propias en materia de innovación empresarial.

PUBLICIDADE