AOL adquirirá a rede de blogs TechCrunch

mércores, 29 de setembro do 2010 Marcus Fernández

O evento TechCrunch Disrupt foi o lugar elixido para escenificar a operación de AOL

Durante a celebración do evento TechCrunch Disrupt en San Francisco formalizouse publicamente o acordo de compra da rede de blogs de TechCrunch por parte de AOL, asegurándose que vai manter a súa independencia editorial, polo que esta interesante fonte de información tecnolóxica debería de poder manter o seu pulo.
O blog fundado por Michael Arrington en 2005, TechCrunch, é todo un referente do sector, coma Engadget (que tamén forma parte da familia de AOL tras a súa adquisición de Weblogs Inc.), e deu pé a outros blogs verticais moi populares coma MobileCrunch, CrunchGear, TechCrunchIT, GreenTech, TechCrunchTV e CrunchBase.
Polo momento non se coñece nin a cantidade que AOL pagará por TechCrunch nin o tempo no que Michael Arrington continuará ao cargo da compañía, pois un dos principais motivos para a venda parece ser a fatiga provocada pola intensidade do seu traballo no cerne tecnolóxico dos EE.UU., onde tiña que dar conta constantemente de grandes novidades, á vez que participa en multitude de eventos. Arrington insiste en que TechCrunch é unha comunidade de escritores, empregados e lectores, e agarda que continúe así.

PUBLICIDADE