ANSGAL quere converter a nosa terra nun referente en comunicación avanzada a través de satélites multiórbita

luns, 7 de xuño do 2021 S. P.

A empresa ourensá EGATEL, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, lidera un consorcio dunha ducia de entidades do sector tecnolóxico e universitario para facer realidade un paso de xigante na industria aeroespacial galega e, por extensión, tamén na estatal. Estamos a falar do proxecto ANSGAL (A New Space por Galicia), abeirado ao Programa de Impulso de Proxectos Tractores de Competitividade e Sustentabilidade Industrial, que forma parte do Plan de Recuperación do Goberno para a repartición dos fondos europeos Next Generation. Baséase no desenvolvemento dun polo industrial que sitúe como eixe de atracción de talento, empresas e investimento, focalizado no fornecemento de servizos integrais e avanzados de comunicación a través de satélites multiórbita.
O obxectivo é dar servizo a sectores prioritarios como o das telecomunicacións, o marítimo ou o agroalimentario. A estimación da empresa galega é xerar preto de 7.000 postos de traballo entre emprego directo e indirecto ao longo dos tres anos seguintes ao arrinque do programa.
As organizacións que forman parte do proxecto ANSGAL son: EGATEL, Hispasat, Cellnex, Alén Space, UARX Space, Manufactura de Ingenios Tecnológicos, Imatia Innovation, Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Universidade de Vigo, GII/UDC e Centro Tecnolóxico do Mar.
A primeira fase do proxecto centraríase en desenvolvementos como o despregue dunha rede de pequenos satélites (Constelación Sayari), definidos por software, así como no deseño e fabricación dun vehículo espacial con capacidade para poñer en voo pequenos satélites nas súas correspondentes órbitas “coas máximas fiabilidade e eficiencia”. O primeiro treito da ANSGAL tamén incorpora o deseño, desenvolvemento e posta en servizo dunha rede de comunicacións 5G que habilite a investigación, o desenvolvemento e a experimentación de novas solucións e casos de uso ou o impulso das tecnoloxías de comunicacións cuánticas no espazo.

PUBLICIDADE