AMTEGA sinala que 2017 será un ano de talento, conectividade e dixitalización dos nosos sectores primarios

venres, 30 de decembro do 2016 Redacción

O ano 2017 será un ano de consolidación de obxectivos e de novos fitos tecnolóxicos nos ámbitos da xustiza, a educación, o emprendemento innovador ou a conectividade. Así nolo conta a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, coa que puidemos falar estes días para que nos axudase a facer reconto do camiño deixado atrás e, sobre todo, do que nos deparan os vindeiros doce meses (e máis alá) en materia dixital. Segundo avanza, haberá máis e mellores accesos nos polígonos industriais e nos centros escolares máis afastados das grandes cidades, máis empresas dixitalizadas (a través por exemplo de Reacciona-TIC) e uns sectores primarios (o agro e máis o mar) en maior medida consolidados na Sociedade do Coñecemento.
-Telefónica, HPE, Vodafone, as múltiples empresas innovadoras galegas que desenvolven o seu labor na Cidade de Cultura, tanto no centro de emprendemento como nos espazos de co-working, a propia axencia AMTEGA.... o Gaiás vai camiño de converterse na Cidade Galega das Tecnoloxías. Que cre vostede que pode saír de aí? Estamos ante a orixe dun "Silicon Valley galego e estatal"?
-En primeiro lugar, creo que temos a obriga de crear o caldo de cultivo axeitado para o talento tecnolóxico galego. Este caldo de cultivo da Cidade da Cultura nútrese en parte coa presenza de grandes multinacionais como Vodafone, Telefónica ou HPE, que elixiron o noso territorio para emprazar parte do seu talento e impulsar o de aquí. Neste senso, fixemos un esforzo para que estas e outras compañías viran na nosa Comunidade unha oportunidade interesante de fomento da innovación e de investimento. Por outra banda, malia que somos conscientes de que non somos California nin Tokyo nin Londres, si que é certo que estamos plenamente capacitados para acadar grandes fitos no plano tecnolóxico. Empresas como as devanditas foron quen de velo e da colaboración entre unhas e outras están sa saír xa importantes froitos TIC. No que respecta a 2016, á presenza previa no Gaiás de Telefónica e o seu centro Galicia Open Future, que vai pola súa terceira edición, sumouse a aposta de Vodafone coa súa iniciativa de emprendemento e innovación social Connecting for Good Galicia, e sumouse tamén a presenza activa de HPE, co seu Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN), unha iniciativa centrada na transferencia e no desenvolvemento de recursos para a información inxente, o que se coñece como Big Data.
-Estes días AMTEGA está a facer especial fincapé en promover as vantaxes e oportunidades de dixitalización empresarial que achega o programa Reacciona-TIC... Cales cre vostede que son os puntos fortes desta iniciativa? Cara a que obxectivos de dirixe e que vantaxes pode pór en xogo para as nosas PEME non tecnolóxicas?
-É unha iniciativa moi importante que levamos en colaboración co IGAPE, unha experiencia compartida que ten un enfoque digno de ser destacado, que é facilitar o acompañamento ás empresas para axudalas a que vexan o que teñen que facer para estaren no mundo dixital. Con este programa non se mercan máquinas nin aplicacións, non se financia nada diso, senón que se financia o asesoramento por parte de empresas TIC que velan polas que están pendentes de afianzarse no plano dixital. Son empresas TIC adxudicatarias da primeira fase da iniciativa e que desenvolven, en base a ela, labores de consultoría, acompañamento e identificación dos retos e as posibilidades en cada ámbito, localizando as particularidades de cada empresa e as necesidades e potencialidades máis importantes ou urxentes, cousas como especialización en mercadotecnia dixital, melloras en eficiencia interna, etc. A verdade é que a demanda dos servizos de Reacciona-TIC está a ser moi elevada, estamos encantados da resposta dos lotes que promovidos dende AMTEGA. Esperamos que sexa útil para os empresarios, eles teñen que dicilo.
-Recentemente participou vostede na xornada de presentación de casos de éxito organizada polo Clúster TIC Galicia para difundir o labor que están a desenvolver as empresas socias. Cal sería o seu diagnóstico sobre o estado de saúde das nosas firmas do sector das novas tecnoloxías, tanto de cara a dentro do mercado galego como fóra del?
-Para min é moi significativo cando saes fóra de Galicia e comprobas que a presenza de empresas nosas no exterior é cada vez meirande. Isto, para min, é o mellor que pode acontecer. O síntoma máis agardado, o sinal que reflexa ante todo unha boa saúde empresarial, tecnolóxica e dixital. Cremos que ademais rompeuse un pouco ese escepticismo na colaboración con grandes compañías, quero dicir a colaboración entre empresas máis pequenas que da man de grandes compañías poden abrirse a novos mercados. Isto está dando froitos fóra de Galicia tanto en España como no mercado latinoamericano, que entendemos que é un mercado onde temos ligazóns que nos poden axudar a penetrar en proxectos moi importantes, en proxectos de infraestruturas, de saúde e de educación. En moitos ámbitos de fóra da nosa terra estou convencida de que xa saben que facemos tecnoloxía e servizos de gran calidade.
-Hai uns días puidemos saber da resolución dos premios da terceira edición de Galicia Open Future, o centro de crowdworking impulsado por Telefónica e AMTEGA na Cidade da Cultura, precisamente. Foron recoñecidas finalmente as empresas Fleap, Coinscrap e Qubiotech. Que valoración lle mereceu esta terceira convocatoria e, por extensión, toda a iniciativa Galicia Open Future dende a súa orixe? Haberá Galicia Open Future para rato?
-A nosa valoración acerca de Galicia Open Future é moi positiva. Foron 150 iniciativas que tiveron a oportunidade de darse a coñecer plenamente, a adquirir formación avanzada en múltiples ámbitos, a contactar con investidores. Creo que esas 150 propostas, todas en diferentes niveis de madurez, foron quen de chegar a importantes cotas de desenvolvemento, promoción e aceleramento, cada proxecto coas súas particularidades e cos seus éxitos específicos. Nós contamos con que Telefónica siga apoiando a plataforma Open Future, plataforma que, por certo, naceu en Galicia e que logo foi estendida a máis comunidades autónomas, polo tanto ten a súa orixe aquí.
-Respecto do proceso de dixitalización da nosa Xustiza, en que estado se atopa a día de hoxe? É certo que somos pioneiros a nivel estatal no que se refire a este proceso?
-Sen dúbida é un dos ámbitos máis complexos e no que se fixeron os esforzos máis importantes durante os últimos anos, e creo que se empezan a ver os froitos. Hai que ter en conta que se trata dun proceso de competencias compartidas, onde nós facemos cousas e o Estado fai cousas. É verdade que xa se conseguiron fitos moi importantes. Nós, no ámbito da Xustiza, logramos por exemplo consolidar todos os expedientes xudiciais nun repositorio único accesíbel a través dun visor específico que está a disposición de todos os órganos, secretarías e fiscalías xudiciais. Vai ser a ferramenta de referencia para o ámbito xudicial galego. Outro fito importante foi a posta en marcha da sede electrónica xudicial, que é verdade que aínda ten que medrar moito en aplicabilidades pero que a día de hoxe xa nos permite consultar o estado de calquera procedemento. Será o punto de referencia para cidadáns no que se refire a trámites electrónicos coa Xustiza, un recurso que ademais afianza e estende unha nova percepción da Xustiza por parte da sociedade: máis próxima, accesíbel, inmediata e eficaz. E tamén máis segura a nivel de información e comunicación. Cremos que se deron pasos moi importantes. Temos un plan cunha dotación económica de máis de 26 millóns de euros, o Plan Senda 2020, que dará como resultado ao final deste prazo unha Xustiza radicalmente diferente da que nós coñecemos.
-Gustaríanos saber o que nos depara o eido tecnolóxico-educativo para este ano que comeza...
-A educación e a súa integración tecnolóxica é outro dos ámbitos nos que houbo, tamén, un meirande impulso estratéxico. Conseguimos xa, ao abeiro destes esforzos, a dixitalización de todas as aulas de calquera centro público, dende Primaria até o remate dos estudos dos nosos rapaces. Temos máis de 6.000 rapaces estudando sen libro en papel. Esta liña continuará medrando ao longo do ano que vén. É certo que temos cousas que resolver. Neste senso, unha das principais reivindicacións dos centros é o tema da conectividade. De feito, aínda que dos 1.200 centros cos que contamos, 400 xa teñan accesos de máis de 200 Mbps, o obxectivo é chegar a todos. Para conseguilo neste ano asinamos un convenio co Estado que ten un importe de 22 millóns de euros. Este acordo, que vén de adxudicarse, encamíñase a lograr que todos os centros ao longo dos dous vindeiros anos cheguen a unha conectividade superior aos 100 Mbps. Este será un foco fundamental de execución e actividade ao longo de 2017.
-Como se presenta o Plan Smart Turismo para o ano que vén?
-O Plan Smart Turismo, con respecto do cal quero salientar a colaboración de Turismo de Galicia e do Clúster do Turismo, xa deu como resultado varios fitos, como a posta en marcha do portal Smart Camiño, que é máis que un portal, é unha plataforma para o peregrino que queremos estender alén de Galicia e mesmo máis alá do territorio estatal, até onde chegan os nosos camiños de Santiago. A día de hoxe están adheridos máis de 400 establecementos turísticos para promover a súa oferta ao longo dos itinerarios xacobeos. A nosa intención é acompañar e impulsar con tecnoloxía a visualización do Camiño de Santiago. Seguiremos a traballar tamén nunha plataforma habilitada ao abeiro de Smart Turismo a disposición de todos os establecementos, na que poderán rexistrarse e traballar coas súas ofertas, servizos e promocións para logo distribuílas e difundilas nós nas diferentes canles. Isto cremos que é moi importante porque consolídase unha extranet para o sector en Galicia que lle vai dar moitas oportunidades para visualizar as súas ofertas turísticas. Coidamos que nese ámbito avanzaremos de xeito importante ao longo de 2017.
-Respecto do sector primario, segue operando o Programa Primare que tamén ten varias liñas de actuación para este ano que comeza...
-Exacto, temos unha liña no mar, en colaboración coa Consellería do Mar, para a dixitalización das lonxas, dende o que é actividade interna até todo o que ten que ver coa emisión das notas de primeira venda, como as poxas en liña... aí estamos a traballar a través dun acordo coa dita Consellería que ten como obxectivo que para 2017 estea xa operativo este sistema en dezasete lonxas da nosa terra. No que respecta ao sector da agricultura temos un total de 30 propostas á consulta preliminar ao mercado do Programa Primare, amais de 48 axentes. Esta liña de traballo, que a desenvolvementos en colaboración con Medio Rural, busca definir un modelo de inspeccións intelixentes avanzadas en relación coas axudas da Política Agraria Común, PAC, e achegar servizos de valor engadido, servizos tecnolóxico-dixitais, para mellorar a competitividade do ámbito agrícola. Para acadar este obxectivo, apostamos por un modelo de compra pública innovadora cuxo proceso de consultas abriuse o pasado 26 de setembro.
-Tampouco nos podemos esquecer dos polígonos industriais e da necesidade de fortalecelos coas mellores conexións posíbeis...
-Por suposto. É unha demanda importante por parte das empresas. Non podemos pedir que as empresas se dixitalicen, que se avance na Industria 4.0, e que as condicións de conectividade non sexan acordes. É unha dificultade engadida do noso territorio. Nós loitamos contra esa dificultade todos os anos e con este motivo púxose en marcha un primeiro plan que acadou unha conectividade mínima pero que hoxe en día resulta insuficiente no ámbito empresarial, sobre todo porque as demandas de largo de banda increméntanse cada pouco debido ao aumento de servizos e cousas que se poden facer a través da Rede. Agora temos en marcha o segundo Plan de Banda Larga e nel contémplase dotar de conexións de 300 Mbps a 21 polígonos. Está en execución. Xa hai varios complexos industriais que xa están a a gozar destas melloras e outros moitos entrarán no 2017.
-Cando arrincou Código Cero falabamos moito dun tipo concreto de fenda dixital, referíndonos á diferenza de oportunidades, infraestruturas e usos tecnolóxicos entre Galicia e España. Como estamos dezaseis anos despois?
-Pois seguimos querendo medrar en redes ultrarrápidas, ese é o obxectivo. Cando falamos de fenda dixital hai dous ámbitos que temos que ter en conta. Un é a capacidade de conexión a unhas velocidades axeitadas e outro é a capacidade da poboación de facer uso da tecnoloxías. Logo está, para complicar aínda máis as cousas, a nosa dispersión demográfica, moi elevada e con moitas localidades por debaixo dos cen habitantes. Neste punto dimos un paso moi importante co primeiro Plan de Banda Larga. Co segundo plan queremos darlle solución definitiva. É certo que non se pode chegar coas mesmas capacidades de velocidade a todos os núcleos de Galicia. Esta é unha realidade que temos que ter en conta. Agora, que temos que conseguir o obxectivo que fixa Europa dunha capacidade mínima de 30 Mbps para toda a poboación, ese é o noso reto e aí estamos a pelexar. Respecto do ámbito do uso, aquí inflúe moito a cuestión da idade. Temos que ter en conta que en determinadas áreas a nosa poboación está moi envellecida. Por estas e outras razóns temos o noso Plan de Inclusión Dixital para facer foco no uso da tecnoloxía por parte dos maiores. Eu sempre digo, cando saen os estudos e clasificacións das comunidades autónomas, que non nos poden comparar con Madrid e Barcelona, porque non somos iguais, isto aplícase a todo, aos servizos públicos, ás infraestruturas, etc. O esforzo para chegar coas telecomunicacións a todos os recantos de Galicia é maior.

PUBLICIDADE