AMTEGA publica unha guía de boas prácticas para a liberación de coñecemento dende a Administración

luns, 31 de marzo do 2014 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, anunciou estes días a publicación dun manual de uso sobre coñecemento aberto e software libre aplicado á información xerada pola Administración autonómica. Ademais, a Guía de boas prácticas para a Liberación de Publicacións da Xunta de Galicia incide nas moitas vantaxes e beneficios que implica empregar formatos abertos e licenzas libres nas devanditas achegas de información. Lembrar que a guía presentouse o pasado 26 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Liberdade de Documentos (DFD).
Esta celebración, impulsada pola organización Free Software Foundation Europe, tivo reflexo na nosa terra nunha xornada promovida por GALpon na Universidade de Vigo que serviu entre outras cousas para pór de relevo a necesidade de liberar documentación académica, de investigación e, no caso do Goberno galego, institucional e administrativa. Na xornada participou, entre outros relatores, Juan Víctor Rodríguez Arós, xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), quen achegou o devandito compromiso coa filosofía do open data da axencia. Deste compromiso xorde precisamente a guía, que estará dispoñíbel nas webs de AMTEGA e Mancomún.
Por certo que AMTEGA tamén quixo celebrar o DFD con outra das asociacións referenciais galegas en materia de software libre, GPUL, que organizou unha xornada de traballo e divulgación análoga na Facultade de Informática da Coruña.
Volvendo á guía, a axencia sinala que recolle os resultados de diversas accións formativas dentro da Administración realizadas en 2013 de cara a fomentar a publicación baixo licenzas libres dos contidos editados pola Xunta de Galicia, así como a súa reutilización e difusión. “O documento”, engade AMTEGA, “incorpora recomendacións sobre sobre a xestión da propiedade intelectual no proceso desenvolvemento das obras, analiza os diferentes tipos de licenciamento mediante licenzas libres e finalmente inclúe recomendacións de formato e ferramentas en software libre para o traballo con documentos de texto, imaxes, vídeos e obras sonoras”.

PUBLICIDADE