AMTEGA organiza un ciclo formativo para achegar a IA á cidadanía a través das Aulas CeMIT

venres, 22 de setembro do 2023 S. P.

A chegada da Intelixencia Artificial (IA) ás nosas vidas aumenta o interese por descubrila coas vantaxes (e desvantaxes) que trae parella, con contade de dar a coñecer esta nova realidade a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) pon en marcha o ciclo formativo A Intelixencia Artificial no día a día, para achegar esta tecnoloxía á cidadanía, centrándose de xeito especial nas persoas maiores de 55 anos.
Dicir que as sesións teñen unha duración de 90 minutos e desenvolveranse entre os meses de outubro a novembro de xeito presencial nas aulas da Rede CeMIT de A Coruña, Celanova, Guitiriz, Moaña, Ortigueira, Santiago e Vigo.
A finalidade desta formación é achegar a un público sen coñecementos específicos na materia as nocións e características básicas da Intelixencia Artificial (IA), o seu impacto no día a día das persoas e visibilizar as súas vantaxes a través de casos de uso, dun xeito sinxelo e accesíbel.
As sesións estrutúranse en catro bloques temáticos, comezando por unha introdución ao concepto de Intelixencia Artificial, a través da presentación de exemplos prácticos e a posta en valor das vantaxes do seu uso. Asemade, farase un repaso polas aplicacións máis cotiás que empregan esta tecnoloxía e a súa contribución á sociedade. Para rematar, trataranse ás posíbeis aplicacións futuras, principios éticos e revisión dos avances na súa regulación.
Engadir que esta iniciativa atópase inserida nas actuacións da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 (EGIA2030), para facilitar á sociedade capacitación nesta tecnoloxía en todas as súas etapas. A inscrición está aberta e pode realizarse en liña, na web do CeMIT, ou directamente nos centros nos que se imparte o ciclo formativo.

PUBLICIDADE