AMTEGA lanza dous concursos para implicar á xente nova na Estratexia Dixital de Galicia 2030

luns, 16 de decembro do 2019 Redacción

A nosa xente nova ten un potencial de creatividade tecnolóxico-práctica que debemos ter sempre ben presente e ao que se debe estimular con actividades concretas. En base a este obxectivo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de lanzar dous concursos para que a xente nova participe na elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030: un certame de debuxo para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, e outro de microrrelatos, dirixido a mozos e mozas de entre 11 e 18 anos, cuxas bases se publican este luns no espazo web amtega.xunta.gal/edg2030/concursos.
Os obxectivos destas actividades son “ explorar a creatividade dos máis novos a través do debuxo ou a narración, estimular a reflexión sobre como a transformación dixital afectará a nosa Comunidade nos próximos 10 anos, así como sensibilizar sobre o impacto da dixitalización na nosa Comunidade e dar a coñecer o proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030”.
Baixo o nome Captura a sociedade dixital!, o concurso de debuxo está orientado a que alumnos e alumnas de Educación Primaria, cunha idade comprendida entre os 5 e os 12 anos (ambas as dúas inclusive), combinen o seu talento creativo para o debuxo coa súa visión do futuro. A través del, as e os participantes deberán plasmar o impacto que consideran terá a dixitalización na sociedade galega no 2030: o uso das TIC, os novos hábitos e as necesidades que xorden pola transformación dixital, as oportunidades derivadas da aplicación das novas tendencias dixitais, etc.
Polo que se refire ao certame de microrrelatos, Viaxe ao 2030, está dirixido a estudantes de ESO ou Bacharelato, cunha idade comprendida entre os 11 e os 18 anos (ambas as dúas inclusive), que “deberán agudizar o seu enxeño e capacidade imaxinativa para describir o futuro”, sinala a axencia AMTEGA, engadindo que “a misión dos participantes será reflexionar sobre como esperan que a transformación dixital incida na nosa vida diaria nos 10 próximos anos e expresalo a través dunha narración, describindo así a Galicia do 2030”.
O persoal docente será o responsábel de inscribir ao alumnado interesado en participar a través dos formularios web correspondentes a cada concurso accesíbeis desde a web da AMTEGA. O período de inscrición estará aberto dende o 16 de decembro ata o vindeiro 17 de xaneiro.
Os traballos, que poderán entregarse desde a apertura das inscricións ata o día 24 de xaneiro do 2020, serán enviados seguindo as instrucións recollidas nas bases e deberán cumprir coas características detalladas para cada un dos concursos.
Un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Tecnoloxías Dixitais será o encargado de preseleccionar as cinco obras finalistas por cada certame. Logo publicaranse no Facebook da AMTEGA para que “calquera internauta que o desexe poida votar aqueles que consideren que mellor representan a Galicia do 2030 a través das tecnoloxías dixitais”. Premiarase ás obras gañadoras que serán os 3 debuxos e os 3 microrrelatos que máis gústame obteñan.
Ambos concursos forman parte do proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030, que arrincou no mes de xullo coa celebración do I Foro de debate profesional, no que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación.
Ademais, AMTEGA lembra que este mes de decembro constituíuse o Comité de Expertos, integrado por 22 académicos de diferentes disciplinas das tres universidades galegas, que complementará a visión dos centros tecnolóxicos e empresas, e axentes económicos e sociais que están a participar no proceso de elaboración da EDG2030.

PUBLICIDADE