AMTEGA e unha manchea de entidades traballan para acadar que Galicia acolla a Axencia de Supervisión de IA

luns, 4 de xullo do 2022 S. P.

Estes días proseguiron os encontros da axencia autonómica AMTEGA destinados a facer fronte común arredor dun obxectivo de gran relevancia tecnolóxica para a nosa terra: que Galicia sexa a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. No traballo coordinado por AMTEGA están a colaborar universidades, fundacións e cámaras, trasladando á axencia que dirixe Mar Pereira a importancia “dunha Intelixencia Artificial ética e supervisada” e poñendo o foco nas vantaxes desta tecnoloxía disruptiva para múltiples aspectos que nos tocan de preto, por exemplo o envellecemento saudábel e a necesidade de mellorar os coidados dirixidos ás persoas dependentes.
En definitiva, nas reunións consultivas (que proseguirán os días vindeiros) destacouse o moito que podemos aportar á dita axencia e, tamén, o importante potencial da IA para territorios envellecidos e dispersos coma a noso.
Segundo informou AMTEGA, a previsión é que o dito organismo sexa creado e descentralizado nos vindeiros meses polo Goberno do Estado.
Na xuntanza con fundacións e asociacións xa participaron a ONCE, Cruz Vermella, a Fundación Barrié, Afundación e o Consello de Cámaras de Galicia. Todas coincidiron en destacar que as solucións que pode aportar a Intelixencia Artificial son “dunha enorme axuda en territorios coas características demográficas de Galicia”.
No segundo destes encontros participaron os colexios e asociacións profesionais dos ámbitos tecnolóxico e xurídico, que expresaron a súa preocupación pola aplicación ética da Intelixencia Artificial, e salientaron “a necesidade de dispoñer dun marco de actuación nesta materia cun potencial desenvolvemento normativo”. O obxectivo, subliñaron, “é que esta tecnoloxía avance baixo unha lexislación uniforme que protexa á cidadanía” e que “se creen certificacións profesionais vencelladas ás competencias en IA, non soamente para perfís técnicos, senón tamén para calquera profesional que poida ter unha interacción con estas tecnoloxías”.
Os representantes das tres universidades públicas galegas “incidiron na singularidade do noso territorio”, un interesante “campo de probas” para a aplicación da Intelixencia Artificial, de forma ética e supervisada. Destacaron tamén o interese engadido de ser un territorio cunha lingua propia e a proximidade con Portugal.
Na actualidade, as universidades de Galicia dispoñen de dúas titulacións de post-grao relacionadas con IA: o Mestrado en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais e o Mestrado en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial.
As sesións de consulta programadas pola Xunta continuarán con outros tres encontros nos que participarán as empresas tecnolóxicas e as compañías doutros sectores que desenvolven ou adquiren IA e un encontro cos centros tecnolóxicos e de investigación. O obxectivo é “poder trasladar á memoria xustificativa da candidatura galega as aportación do ecosistema da Intelixencia Artificial de Galicia”.

PUBLICIDADE