AMTEGA e GoodJob derrubarán barreiras de inclusión social a través da ciberseguridade

xoves, 18 de agosto do 2022 S. P.

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vén de asinar un convenio coa Fundación GoodJob para favorecer a inclusión sociolaboral de persoas con diversidades funcionais ou congnitivas e facilitar a resposta á alta demanda de profesionais da ciberseguridade en empresas e institucións.
Ao abeiro deste acordo, a axencia autonómica proporcionará apoio institucional, a través do nodo galego de ciberseguridade Ciber.gal, nas actividades relacionadas co programa #Include da fundación.
Así mesmo, facilitará a participación de GoodJob nos espazos e eventos organizados polo nodo que se consideren “axeitados para a consecución dos obxectivos do convenio, que permitirá a realización de accións destinadas á detección e creación de postos de traballo para persoas con discapacidade nas empresas que colaboran con Ciber.gal”, indicou AMTEGA, engadindo que o acordo tamén se dirixe a fomentar a realización e difusión de actividades formativas en materia de protección tecnolóxica que “melloren as posibilidades de obter emprego destes colectivos”. Entre elas, a axencia colaborará nas actividades de GoodJob destinadas á obtención dos certificados de profesionalidade, ademais doutras formacións adaptadas.
A Fundación GoodJob é unha entidade sen ánimo de lucro enfocada á inserción laboral de persoas con diversidades funcionais, preferentemente no mercado ordinario de emprego. Ten en marcha accións concretas relacionadas coas tecnoloxías como o Programa de Empregabilidade en Ciberseguridade para Persoas con Discapacidade (IMPACT#Include).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia facilitará a interlocución entre GoodJob e os distintos departamentos da Administración autonómica.

PUBLICIDADE