AMTEGA e AGADER colaboran para levar vía satélite a banda larga ao rural galego

venres, 16 de marzo do 2012 Redacción

Imaxe do Consello da Xunta desta mañá

O Consello da Xunta aprobou hoxe un convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) para lanzar a última das actuacións do Plan de Banda Larga, que permitirá acceder á internet vía satélite ao 6% de poboación que non pode dispoñer deste servizo a través das outras actuacións que está a desenvolver o Plan. A Xunta destinará a esta sexta liña do Plan máis de 1 millón de euros a través dunha convocatoria de axudas para o período 2012-2014.
Ademais, a través do convenio aprobado hoxe, destinaranse 1.323.000 euros ata 2014 a axudas a microempresas asentadas no ámbito rural para que poidan implantar as TIC no seu modelo de negocio. Estas axudas están destinadas a empresas de menos de 10 empregados e autónomos para equipamento tecnolóxico e instalación de hardware e software.
Coa aprobación deste acordo iníciase o procedemento para lanzar a sexta e última liña do Plan de Banda Larga, que hoxe en día dotou de acceso á internet a preto de 460.000 galegos dos case 800.000 que carecían de cobertura a principios de 2010. Coas cinco actuacións postas en marcha será dotada de acceso á rede o 94% da poboación en 2013, o que supón que 2.632.000 galegos contarán con cobertura de banda larga.
O 6% restante, que engloba 168.000 galegos, será obxectivo desta nova actuación, destinada ás zonas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso á rede só e posible vía satélite. Coa achega financeira, que a través do presente convenio realiza AGADER, entidade dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, completarase a posibilidade de acceso a un servizo esencial para equiparar a calidade de vida no rural coa das zonas urbanas.
Tras a sinatura do convenio que se aproba hoxe abrirase unha convocatoria de axudas, como nas anteriores liñas de actuación, para adxudicar a prestación do servizo de acceso á internet a través desta tecnoloxía.

PUBLICIDADE