AMTEGA destaca a importancia da ciberseguridade

xoves, 8 de xuño do 2017 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, inaugurou hoxe en Santiago a II Xornada de Ciberseguridade de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG), onde destacou que o incremento da seguridade na Rede é unha das prioridades da Axenda Dixital de Galicia 2020, que se plasma no Plan Director de Seguridade TIC 2015-2020, folla de ruta para protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.
Pereira sinalou que os ciberataques xeran un dobre prexuízo, o que causan directamente aos afectados e o clima de desconfianza que xeran na cidadanía respecto do uso de medios electrónicos. Engadiu que aínda que os ataques informáticos non se poden evitar ao 100%, cada vez existen máis servizos e ferramentas para minimizar o máximo posible o seu impacto, de aí que a ciberseguridade sexa un aspecto imprescindible a ter en conta en calquera tipo de organización pública ou privada e tamén no ámbito persoal.
No marco do Plan Director de Seguridade TIC 2015-2020 estanse a desenvolver una serie de actuacións, tanto técnicas e operativas como organizativas e formativas, que permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade. Estas medidas permiten, tamén, unha mellor colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles de delitos relacionados co ciberespazo.
Nun proceso de dixitalización intensivo, como o que se está a desenvolver a nivel mundial, as infraestruturas tecnolóxicas que garanten o funcionamento de servizos públicos convértense en infraestruturas críticas e a ciberseguridade nun elemento chave de seguridade nacional. Mar Pereira incidiu en que incrementar a seguridade require da acción conxunta dos diferentes Gobernos, dos corpos e forzas de seguridade, e tamén da colaboración estreita do sector tecnolóxico.

PUBLICIDADE