AMTEGA convoca máis de medio milleiro de prazas para obter a certificación CODIX

mércores, 15 de marzo do 2017 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de convoca 546 prazas para os cidadáns que queiran obter a Certificación Galega en Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (formato PDF), está aberta a toda a sociedade en xeral que xa está en posesión dos recursos e habilidades precisas para o emprego das aplicacións informáticas que integran o módulo formativo MF0233_2 Ofimática baixo o paquete de LibreOffice. AMTEGA tamén lembra que as probas celebraranse os días 26, 27 e 28 de abril, en diversas quendas de mañá e tarde, en 34 localidades con aula CeMIT.
Trátase das localidades de Abegondo, Ames, Arzúa, Bande, O Barco, Barreiros, Boiro, Brión, Campo Lameiro, A Cañiza, Carballedo, Castro Caldelas, Celanova, A Coruña, Cuntis, A Fonsagrada, Lalín, Leiro, Marín, Oroso, Ourense, Padrón, Pontedeume, As Pontes, Pontevedra, Santa Comba, Santiago, Sarria, Tomiño, Valga, Verín, O Vicedo, Vigo e Vimianzo.
A inscrición poderá realizarse a través de Internet a partir deste xoves 16, sendo o único requisito o de ser usuario/a da rede CeMIT, trámite que tamén pode realizarse a través da rede e da súa web.
Entre as persoas inscritas realizarase un sorteo alfabético para establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula para as probas en cada quenda, no caso de que existan mais solicitantes que prazas convocadas nas diferentes aulas que realizarán os exames presenciais.
Polo que se refire á proba en concreto, sinalar que para obtermos o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o devandito módulo formativo MF0233_2 Ofimática do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade. Estas cinco unidades son: Sistema operativo, busca da información, Internet/Intranet e correo electrónico; Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (LibreOffice Base); Aplicacións informáticas para presentacións (gráficas de información e LibreOffice Impress); e Aplicacións informáticas de follas de cálculo (LibreOffice Calc).
AMTEGA tamén lembra que os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación ao abeiro da plataforma de ensino a distancia da rede CeMIT, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compoñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo.

PUBLICIDADE