AMTEGA convoca máis de 300 prazas para as probas da obtención da CODIX
mércores, 14 de outubro do 2020
A
Axencia
para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convocou un
total de 342 prazas de carácter libre para a avaliación para a
obtención da certificación galega en competencias dixitais en
ofimática (CODIX). Esta convocatoria, dada a coñecer este
mércores 14 de outubro no Diario Oficial de Galicia, está aberta a
toda a cidadanía en xeral que, “ben pola súa experiencia ou pola
súa formación adquirida”, xa posúe os coñecementos necesarios
das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo
MF0233_2 Ofimática baixo o paquete de LibreOffice.
O
prazo de inscrición para estas probas comeza este xoves 15 e remata
o mércores 21 de outubro e poderá realizarse a través de Internet
ou de xeito presencial na aula que desexe a persoa interesada, sendo
o único requisito o de ser usuario da rede CeMIT, trámite que tamén
pode realizarse online.
As
probas presenciais celebraranse os días 11, 12 e 13 de novembro en
diversas quendas de mañá e tarde e que nesta ocasión vanse a
celebrar nas aulas CeMIT dos seguintes 37 concellos, que suman un
total de 342 prazas dispoñíbeis: Abegondo, Ames, Betanzos, Boiro,
Brión, A Coruña, Fisterra, Oroso, Ortigueira, Pontedeume, Porto do
Son, Ribeira, Santa Comba, Santiago de Compostela e Vimianzo na
provincia de A Coruña; Barreiros, Carballedo, Guitiriz, Lugo,
Ribadeo e O Vicedo na provincia de Lugo; Bande, O Barco, Castro
Caldelas, Celanova e Leiro na provincia de Ourense; e A Cañiza,
Cuntis, A Estrada, Lalín, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Tomiño,
Valga e Vigo na provincia de Pontevedra.
Entre
as persoas inscritas provisionalmente realizarase un sorteo para
establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula para
as probas en cada quenda, no caso de que existan mais solicitantes
que prazas convocadas nas diferentes aulas que realizarán as probas
presenciais.
A
AMTEGA lembra que “para obter o CODIX” é preciso “superar un
exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan
Formativo Ofimático de Galicia”, composto polas cinco unidades nas
que se estrutura o devandito módulo formativo MF0233_2:
•
Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo
electrónico.
•
Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice
Base.
•
Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de
información. LibreOffice Impress.
•
Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice
Writer.
•
Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc
Os
materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados
seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a
publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden
ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro
da plataforma de teleformación
da rede CeMIT, na que se poden consultar tanto os contidos
específicos dos diversos módulos que compoñen o CODIX como
diversos casos prácticos e test de exemplo.
Máis
de 1.500 prazas programadas para o ano 2021
Esta
convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para
este ano 2020, que terá a súa continuación no vindeiro ano con
novas convocatorias de dous cursos de teleformación titorizada con
exame final e dúas convocatorias de probas presenciais na
modalidade autoformativa.
Amais,
dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación
dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de
9.000 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.650 en
cursos de teleformación titorizada e 6.392 en probas presenciais de
acceso libre) e máis de 3.800 as persoas que obtiveron a
certificación emitida por parte da AMTEGA despois de superar as
probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.
Segundo
explica AMTEGA, aos ditos datos cómpre engadir as máis de 300
actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen
realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último
ano como preparación orientada á presentación para estas probas
libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX
aloxados na plataforma de
teleformación a través de Internet e abertos para ser
consultados en calquera momento.