AMTEGA convoca as axudas para a difusión do uso do software libre cunha contía de 60.000 euros

luns, 21 de agosto do 2023 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) abriu a convocatoria de axudas para a realización de actividades de difusión e fomento do uso do software e hardware libre en Galicia. Esta convocatoria de carácter bienal comprende as anualidades 2023 e 2024 e está dotada con 60.000 euros.
Segundo explica AMTEGA nas bases, poderán acollerse a estas subvencións as asociacións galegas de persoas usuarias de software libre, coñecidas como AGUSL, que estean formadas por persoas físicas, correctamente rexistradas no rexistro de asociacións de Galicia, e que “teñan recollido nos seus estatutos, como un dos seus obxectivos principais, a difusión ou fomento do software e hardware libre”.
O prazo de presentación, segundo se recolle nas bases, é de 1 mes dende este 21 de agosto, día de publicación no DOG. A solicitude terá que facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou a través do procedemento AP400E e achegando a documentación correspondente, segundo especifican as bases da convocatoria. As asociacións interesadas poden contactar coa oficina de software libre da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para calquera aclaración que precisen ou axuda no proceso.
Terán a consideración de actuacións subvencionábeis os proxectos ou actividades destinadas ao fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto as que encaixen nos seguintes puntos:
-Organización ou participación activa en congresos, xornadas, conferencias, obradoiros ou eventos similares, de promoción e divulgación do software e hardware libre. A participación neste tipo de actividades deberá vir avalada pola importancia do evento nacional ou internacionalmente dentro da comunidade do software libre.
-Asistencia a congresos, xornadas, conferencias, obradoiros ou eventos similares de recoñecido prestixio dentro da comunidade do software libre.
-Elaboración de contidos divulgativos e/ou formativos, que deberán publicarse cunha licenza de documentación libre aprobada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Así mesmo, as fontes deste material deberán ser postas a disposición da devandita Axencia en formatos abertos para que poidan ser difundidos a través das canles precisas ao efecto.
-Desenvolvemento ou localización de proxectos de software libre que puidesen resultar de interese para a consecución dos obxectivos perseguidos nesta resolución. Calquera software desenvolvido no marco desta resolución deberá ser publicado cunha licenza libre aprobada pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative e publicado no Repositorio de Software Libre de Galicia.
Esta convocatoria de subvencións enmárcase dentro das actuacións que a Axencia desenvolve anualmente no Plan de Acción en materia de Software Libre, que define a senda das políticas e das actuacións a desenvolver para o incremento do uso dos programas abertos en Galicia, nos ámbitos empresarial, da administración pública e da cidadanía, sempre dentro do marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.

PUBLICIDADE