AMTEGA anuncia que antes do verán porase en marcha o Plan de Inclusión Dixital

martes, 15 de marzo do 2016 Redacción

Hoxe celébrase na Cidade da Cultura (baixo o epígrafe Impulsando a túa capacitación dixital) a edición número 15 do Encontro Nacional de Telecentros. Detrás deste evento, como lembraremos, atópase a Asociación Nacional de Redes de Telecentros (co apoio da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA) e con esta xuntanza preténdense “coñecer as principais accións das redes de aulas para a formación dixital e potencialas como ferramenta para mellorar as competencias TIC, a empregabilidade e a innovación social dixital”. A encargada de inaugurar o encontro foi (precisamente) a directora de AMTEGA, Mar Pereira, que aproveitou a oportunidade para lembrar que antes do verán o organismo que coordina porá en marcha o Plan de Inclusión Dixital de Galicia.
Pereira sinalou que esta iniciativa insírese nos “obxectivos estratéxicos da Axenda Dixital de Galicia 2020” e recordou que o Plan ten a finalidade dupla de acadar “a inclusión e a capacitación dixital da cidadanía galega e impulsar a empregabilidade”. O desafío, aclarou, é “superar a primeira fenda dixital, a do acceso, e tamén a segunda, a relacionada co aproveitamento das habilidades dixitais para obter os máximos beneficios da Rede”.
Lembrar que na xuntanza que se está a desenvolver arestora en Santiago, na Cidade da Cultura, participan máis de 100 profesionais relacionados co desenvolvemento da Tecnoloxía da información, industrias do sector, organismos públicos e privados de Galicia, España e Europa, innovadores, usuarios e comunidades locais do eido local das aulas CeMIT galegas.
Volvendo á intervención da directora de AMTEGA, sinalar que tivo palabras para salientar o potencial da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) que é e será un dos grandes alicerces do devandito Plan, ao que cómpre sumar o Programa de Voluntariado Dixital de Galicia.

Rede CeMIT

Segundo fixo saber a titular da axencia, a Rede CeMIT abriu as súas portas en 2011 e hoxe conta coa colaboración de 92 concellos galegos, está integrada por 98 aulas e ten presenza nas 53 comarcas galegas. Leva impartidas máis de 186.600 horas de formación e este ano está previsto superar os 53.000 usuarios rexistrados. Nos dous últimos anos, informou Pereira, achega tamén a formación para a obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX), “un activo que reforza o perfil profesional das persoas cara a súa inserción laboral”.

CeMIT-Innova

A directora da AMTEGA anunciou a maiores a apertura da segunda edición de CeMIT–Innova, unha iniciativa de innovación social dixital que se celebrou o pasado ano en nove aulas da rede e que deu como resultado solucións como, por exemplo, un prototipo de escritorio adaptado á persoas con diversidades funcionais desenvolvido en software libre; varias plataformas locais para fomentar o emprego ou portais web para difundir historia e o patrimonio local entre outras. “Desde hoxe e ata o 15 de abril as aulas CeMIT interesadas en participar poden enviar as súas propostas”, engadiu Mar Pereira.

PUBLICIDADE