AMTEGA amosa a súa implicación na Xornada de Informática Xudicial do CPETIG

luns, 20 de abril do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai contar coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) na organización e o desenvolvemento da quinta Xornada de Informática Xudicial, un dos eventos máis importantes (a nivel galego e estatal) arredor dunha temática que gaña interese e implicacións con cada día que pasa: a interrelación entre as novas tecnoloxías da información e os ámbitos de traballo xudiciais, policiais e legais.
AMTEGA amosou este sábado 18 a súa plena colaboración na Xornada (punto de encontro para todos os interlocutores do eido xudicial, galegos e estatais, dende unha óptica TIC), durante a sinatura dun acordo formalizado entre a súa directora, Mar Pereira, e o presidente do CPETIG, Marcos Jaime Mata. O convenio abrangue actividades formativas sobre protección de datos, eAdministración e a celebración do Scratch Day.
Segundo se fixo saber, a nova edición da Xornada porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos. Asemade, sinalouse, “permitirá coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir”.
O convenio prevé tamén a celebración de dous seminarios sobre protección de datos e eAdministración para informar sobre os aspectos máis relevantes da normativa de protección de datos e da administración electrónica xudicial, así como dos beneficios da incorporación e o uso das novas tecnoloxías nos procesos xudiciais. O CPETIG tamén organizará o evento Scratch Day, unha xornada con diferentes actividades en torno a esta ferramenta informática con especial potencial para as novas xeracións que comecen a dar os seus primeiros pasos en programación, e que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia 34.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.

PUBLICIDADE